A sala Kominsky abre hoxe as súas portas en Irmandiños
Se a semana pasada despedíamos con pena á Sala Magnética, que botaba o peche. Esta semana toca recibir con ledicia a inauguración da Kominsky, que abre as súas portas no mesmo espazo que ocupaba a citada sala de Irmandiños. O xoves 4 de outubro é a inauguración, haberá música, viños e pinchos para todos os asistentes.
Unha nova sala súmase a oferta de ocio nocturno na zona de Churruca e Irmandiños. A Sala Kominsky (Irmandiños, 3) abre o xoves día 4 de outubro as súas portas onde, ata fai unha semana, estaba a Sala Magnética. A Kominsky que abrirá de xoves a domingo de 00:00 a 05:00 terá unha programación regular de concertos nos que se apostará pola música ecléctica sen abandonar nunca a alma rocanroleira do local. Os días de concerto a hora de apertura adiantarase. Así acontecerá este sábado día 6, o local abrirá ás 22:00 para acoller as actuacións dos grupos Glitter & Litter VS Pantano.
A inauguración da sala programada para o xoves 4 a partir das 21:30, pretende ser unha gran festa á que todo o mundo está convidado. Non faltará a música e haberá viños e pinchos para todos os que se acheguen a celebrar con Ana e Ana, promotoras da Kominsky, a súa apertura. Para aqueles curiosos que se pregunten pola orixe dese nome que soa a ruso, que saiban que é a homenaxe que ‘as Anas’ renden a Aline Kominsky, unha das primeiras grandes figuras do cómic Underground, feminista e como elas mesmas din “moi pouco correcta”. De feito a arte estará moi presente na sala. Os artistas locais Tayone e Aarón Moucho encargáronse da creación dun mural nunha das paredes interiores. E a singular decoración da Kominsky correu a cargo de Avion e Marta Martinka, creadores da marca de roupa KI-FI.