REVISTA ABRIL

O Teatro Ensalle volve abrir as súas portas este setembro

Tras varios meses de parón obrigado, o Teatro Ensalle volve con máis forza que nunca coa súa programación de setembro a decembro. Oito obras incluídas nos festivais Isto Ferve e Catropezas, cunhas cantas estreas en Galicia.

A progrmamación comezará a medidados de setembro, do 18 ao 20, coa obra A que non podes dicir cocacola? (II), da compañía galega AveLina Pérez Teatro. Esta directora estivo moi vinculada ao Teatro Social, durante anos dirixiu o grupo intercultural de Teatro do Milladoiro, así como os obradoiros de mulleres de Porto do Son e de Mondariz, con varias postas en escena.

Dos días 25 ao 27, terá lugar un espectáculo único, Outras miradas. Un proxecto docu-escénico de Teatro Ensalle que consta de tres fases: recopilación de material escrito, plástico ou audiovisual; edición, disposición e creación da exposición do material e creación de traballo escénico para interactuar con dita exposición.

A comezos de outubro, os días, 2, 3 e 4, estará O Alemán da compañía Diego Anido Teatro. Trátase dunha peza con vocación experimental escrita, dirixida e interpretada por el mesmo, que orbita ao redor da idea de sacrificio como neutralizador do absurdo cotiá. Na semana seguinte, do 8 ao 11, Diego Anido reencarna a unha especie de imitador de Michael Jackson en O Deus do Pop. Un imitador branco, calvo, hispano-falante, pouco atractivo, mediocre, con axilidade relativa… que narra a súa vida como se do mesmo Michael Jackson se tratase.

Para pechar o mes e abrir novembro, do 29 ao 1 a compañía Marta Alonso Tejada-trasPediante presenta Bailar ahora, unha sorte de imperativo cara un posicionamento no presente social e persoal a través da danza. Un impulso por situarnos no tempo actual, no afecto e na emoción do que estamos a compartir aquí e agora.

REVISTA ABRIL

O XV Festival Catropezas ’20, un evento de danza contemporánea tan orixinal como agardado polo público da sala, terá lugar do 5 ao 29 de novembro. Abrirá, o días 5, 6 e 7, In anima vil, da compañía Lola Jiménez. Unha viaxe que recae sobre o corpo, o debuxo, a verba, ecos que se enlazan por rebeldía para ser escoitados.

Solo los solos, da compañía Sandra Gómez, pechará o mes os días 27, 28 e 29. Trátase dun solo de danza coa soidade como eixo temático e onde se quere cuestionar o papel que xoga a mirada ou o xeito de ver e percibir o obxecto artístico. Pártese de facer unha revisión de solos dende os eidos da danza contemporánea e da arte de acción, é dicir, dos referentes que influenciaron a propia obra e esténdese á representación da soidade dende outras manifestacións artísticas ó longo da historia.

A fin do Festival será os días 4, 5 e 6 de decembro con El aniversario, da compañía valenciana Teatro de lo inestable. Unha celebración festiva na que bailar e beber como se non houbese mañá, onde nada malo pode pasar.