A representación da Reconquista celebrarase o 5 ou o 6 de maio
A chuvia obrigou a cancelar a representación da Reconquista, prevista como fin de festa o domingo ás 18:00. Onte a Asociación do Casco Vello, organizadora do evento, reuniuse para buscar unha nova data para poder escenificar a batalla entre vigueses e franceses. Os días propostos son o 5 ou 6 de maio, agora será o Concello o encargado de aprobar algunha das datas propostas. De se confirmar o Casco Vello viviría unha nova xornada de festa que comezaría ás 11:30 da mañá coa animación musical de tódolos grupos folclóricos que se acheguen á Porta do Sol para, ás seis da tarde, dar comezo a devandita representación.
Parecía que a Reconquista ía zafarse pese a ameazante previsión de chuvia. A xornada do sábado transcorreu sen auga para ledicia de tódolos vigueses que encheron as prazas do Casco Vello. O domingo pola mañá, pequenos chaparróns intermitentes non impediron que a troula continuase; pero pola tarde, a chuvia fíxose persistente e augou o fin de festa. Actores e publico aglutinábanse na Porta do Sol sen saber que ía acontecer ata que tras a decisión de suspendela se improvisou unha liorta entre franceses e vigueses na propia praza que rematou ao son da Rianxeira.