Á reconquista da lingua

Os estudos que a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega veñen facendo desde 1992 non deixan en moi bo lugar á nosa cidade, xa que Vigo é a segunda urbe na que menos galego se fala de todo o territorio galaico, só superada nesta triste escala por Ferrol. Algo máis da metade da veciñanza viguesa utiliza unicamente o castelán no seu día a día, ademais doutro cuarto da poboación que o utiliza de maneira habitual, deixando o sector galegofalante aproximadamente nun escaso 20%. Un sector que en Lugo ou Santiago alcanza case o 50%. Estes datos son aínda máis preocupantes canto menor é a idade dos suxeitos sometidos a estudo, xa que na mocidade o uso diario do galego non chega ao 7% e na infancia é incluso menos da metade. Uns resultados moi decepcionastes para a maior cidade de Galicia.
A pesar de que o 60% dos monolingües en castelán saiban falar en galego perfectamente, polo que serían potenciais galegofalantes, as previsións de futuro tampouco son demasiado optimistas. A autoxenreira, a influencia dos grandes medios de comunicación, a escasa colaboración política ou o crecente interese no bilingüismo castelán-inglés nas escolas son algúns dos moitos motivos que fan prever que o futuro do galego na nosa cidade non vai ser doado. O número de castelanfalantes superou o de galegofalantes na actualidade, especialmente nas sete grandes cidades. Por isto, diferentes asociacións e plataformas convocan manifestacións o Día das Letras Galegas en vilas e cidades, reclamando para o idioma a importancia que merece.
Perante esta situación, hai individuos que optan por falar en galego, aínda que vivan nun contorno no que predomina o castelán. Persoas que contribúen á supervivencia da nosa lingua, á reconquista do idioma.
Por Pablo Vázquez e Eva M. Porto
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Maio 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón.]
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Os edificios máis bonitos de Vigo - 7 Abril, 2021
- A comedia galega ‘Cuñados’ estréase este venres en cines - 5 Abril, 2021
- Descubrindo as músicas - 31 Marzo, 2021
- ‘Vitruvia se escribe con V de Vigo’, a mirada persoal do fotógrafo Manuel Cortizo - 30 Marzo, 2021
- DGO ofrece unha semana gratuita de adestramento por Whatsapp - 29 Marzo, 2021