Cándido Pazó: «Algúns programas da TVG fan que se asocie o galego ao choqueiro»

[Esta entrevista foi publicada na reportaxe Á reconquista da lingua, da revista de Maio do 2019. Pincha aquí para volver ao artigo principal]
Vigués asentado en Vedra, é un dos dramaturgos e actores teatrais máis recoñecidos do panorama galego. Tamén destaca como guionista de televisión e narrador oral. Na actualidade dirixe a compañía Contraproducións, participando activamente nas súas obras.
Alén do teatro, tamén escribiches para a televisión. Que papel xoga este medio á hora de ensinar e difundir un idioma?
Debería cumprir un papel primordial porque é o medio máis popular que hai. Téndese a falar como se fala na televisión e nela fálase un estándar que se supón neutral, que normalmente coincide co que falan as clases medias e instruídas da capital. A base fonética que en xeral se usa no galego falado na TVG é, en grande medida, a do castelán. É como se cantasen unha canción na que a letra está en galego pero a música en castelán.
Por que cres que tenden a ter máis popularidade os produtos de comedia en galego que os xéneros dramáticos?
É coma a carioca co rabo na boca. Eses son os produtos que se fomentan e, xa que logo, os que se fan populares. Unha tendencia coa que está a facérselle un grandísimo dano á lingua porque fai que o espectador asocie o galego ao choqueiro, ao vulgar. Por non dicir que o nivel lingüístico deses produtos sofre unha falta de atención intolerable.
Que tal está a funcionar Commedia, despois de ser elixida como o mellor espectáculo nos XXIII Premios de Teatro María Casares?
Cando montaramos o espectáculo hai 25 anos xa tiveramos varios premios. Tiñamos a esperanza de que ao remontalo anos despois puidésemos conectar de novo co público e ter, máis ou menos, o mesmo éxito. E parece que esa esperanza se está a cumprir. No ámbito do teatro en xeral, a maior queixa está no tema da programación en cidades como Vigo, e na escasa promoción dos medios de difusión.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Campamentos de verán: Imaxinatea Lab Creativo - 14 Maio, 2026
- SonDeSeu: a primeira orquestra folk de Galicia celebra o seu 25º aniversario - 8 Maio, 2026
- Picnic Sesións: a revolución cultural de Saiáns que naceu no corazón de Radio Costeira - 24 Abril, 2026
- As dúas tendas de discos máis veteranas de Vigo súmanse ao Record Store Day - 16 Abril, 2026
- A biblioteca de Schrödinger: vai ter por fin Teis unha biblioteca ou só unha sala de lectura? - 16 Abril, 2026



