A cara b da forma
Liñas sinuosas, cores vivas, natureza e mar. Agustina Shuan (@agustinashuan) combina á perfección todos estes elementos para crear o seu imaxinario e ofrecelo como xoia ou como ilustración; en definitiva, como obra de arte.
Desde outrora, entre Galicia e Arxentina existe a conexión dun fío invisible trazado pola diáspora. Este fío —xunto a unha serie de casualidades que pasan por unha viaxe a Europa e unha estancia en Suecia— conecta a Agustina con Vigo, cidade de acollida na que reside e onde se dedica ao estudo da cerámica artística na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO). Desde unha idade moi temperá, descubriu que a ilustración sería a súa canle de expresión por excelencia; empezou a debuxar e acabou especializándose en deseño gráfico. En 2014, durante a súa estancia en Suecia, caeu case por casualidade nun taller de fabricación dixital. Alí foi onde descubriu a cortadora láser e, grazas aos descartes e ao material sobrante do propio estudio, comezou a crear os seus primeiros modelos de xoiería. Estes prototipos baseábanse en negativos ou contraformas que a artistabosquexaba sobre papel, e que logo pasaba a dixital para despois recortalos en pezas físicas. Quen lle diría que ese pasatempo, que levaba case ás furtadelas, viría con ela ata Galicia e daría na súa propia marca de xoiería?
Contraform componse de vistosos pendentes e colares. Se queres máis opcións para engadir ao teu xoieiro, esta deseñadora tamén pasa polo láser os personaxes das súas ilustracións, creando broches únicos. Formas abstractas e naturais: soles, lúas, flores, ollos e xeometría xúntanse para darlle un aire desenfadado ás túas orellas. Entre as formas dos pendentes atemporais que deseña, pódense atopar algas atlánticas, estruturas megalíticas, pezas do Tetris e alas para voar. Se es máis de decorar o salón que de encherte de bixutería, os corpos de muller, os animais salvaxes e o reino da flora poden formar parte da túa nova decoración grazas ás ilustracións de Agustina.
Onde podemos adquirir estas xoias? Pois achegándonos á tenda Vaidhe (rúa de Carral, 7) ou botando unha ollada ao perfil @contraform en Instagram. Se a túa idea pode imaxinarse, pasarse ao papel, cortarse con láser e ensamblarse… Agustina vai poder facela realidade. Anímaste a pasar á cara B?
Por Estela Gómez
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de xaneiro de 2020. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024