CAMELIAS MASCOTAS

Fernando León de Aranoa e Carla Simón chegan a Vigo da man da Academia de Cine

Rueda Academia de Cine, programa de desenvolvemento audiovisual impulsado pola Academia de Cine española, chega a Vigo do 15 ao 19 de abril. Contará con algunhas actividades pechadas aos participantes desta iniciativa pero tamén con outras abertas a todo o público. Algúns dos participantes destas xornadas son Fernando León de Aranoa, Carla Simón, Álvaro Gago, Mickey Down, Conrad Key e Pedro Feijoo.

Carla Simón, Fernando León de Aranoa e Álvaro Gago

Rueda Academia de Cinema, programa de desenvolvemento audiovisual impulsado pola Academia de Cinema, continúa o seu percorrido tras pasar por Madrid e Puerto de la Cruz. Vigo será o próximo destino desta segunda edición -grazas á Vigo Film Office- que, do 15 ao 19 de abril, acollerá unha ampla programación con mentorías para os proxectos residentes, actividades formativas e sesións abertas, deseñadas para o público nas que participarán cineastas como Carla Simón, Fernando León de Aranoa ou o realizador galego Álvaro Gago. O programa Rueda dota a guionistas que, polas súas circunstancias territoriais, laborais ou de conciliación familiar, queiran desenvolver os seus proxectos de maneira telemática, dos medios e apoios necesarios para o desenvolvemento de novos proxectos cinematográficos.

Gago e a directora Sonia Méndez visitarán o Museo MARCO os días 15 e 16 onde se reunirán cos participantes de Rueda para analizar os seus proxectos. O martes 16 pola tarde, os Residentes da Academia de Cinema e 12 cineastas galegos uniranse ao encontro para participar no resto de actividades programadas.

Todos eles compartirán impresións con Carla Simón o 17 de abril e con Fernando León de Aranoa que, o día 19, tamén participará nun coloquio aberto ao público tras a proxección de Los lunes al sol, película que pechará o programa polo seu vínculo coa cidade. Tamén, xunto coas montadoras Ana Pfaff e Ariadna Ribas, traballarán sobre a montaxe e a súa relación co corpo.

REVISTA NOVEMBRO
Fotograma do filme ‘Los lunes al sol’, rodada en Vigo

Os creadores da serie británica Industry, Mickey Down e Conrad Key, recalarán en Vigo para participar nunha actividade cos participantes o 19 de abril. O día anterior terá lugar proxección dos dous primeiros capítulos da segunda tempada desta ficción televisiva, en colaboración con HBO Max, e un coloquio posterior aberto ao público, moderado por Marta Matute.

Completarán o programa, proxeccións de curtametraxes de participantes nos programas de Rueda, diferentes talleres e un percorrido pola Ría de Vigo e as súas historias co escritor Pedro Feijoo. Tamén haberá actividades para institutos nas que os mozos poderán reflexionar sobre os estereotipos no audiovisual, así como unha charla na ESADG con actrices que deron o salto á dirección para falar do liderado nos proxectos cinematográficos.

CONSULTA AQUÍ A PROGRAMACIÓN COMPLETA