Sacar a lingua de viaxe
Se un dos nosos propósitos de ano novo é aprender ou perfeccionar un idioma e aínda non comezamos, non pasa nada, estamos a tempo. Aquí temos algunhas das mellores opcións para sacar a lingua de viaxe.
ALEMANOLOGÍA

Desde as aulas universitarias en Venezuela ata a creación dunha comunidade global en liña, a historia de Alemanología é un exemplo de como a paixón, a experiencia persoal e a capacidade de adaptación poden converxer nun proxecto educativo de éxito. Fundada por Jorge Rey, un venezolano establecido en Vigo, Alemanología posicionouse como unha proposta innovadora e deseñada para hispanofalantes que queiran aprender alemán. A paixón de Jorge polo ensino non é unha cousa de agora; xa no colexio axudaba aos seus compañeiros con algunhas materias, e, ao ser consciente da demanda e movido pola precaria situación económica que atravesaba, decidiu poñer un prezo ao seu tempo. Esta experiencia consolidouse na universidade, onde foi preparador da materia de Lóxica Simbólica e impartiu clases a grupos grandes, o que lle permitiu observar de preto o comportamento das persoas ao aprenderen.
Tras unha breve tempada en Barcelona, Jorge recalou en Alemaña con moita ilusión pero sen o máis mínimo coñecemento do idioma. Co obxectivo de continuar os seus estudos superiores, enfrontouse ao reto de aprender alemán desde cero nun ano. Durante este proceso, experimentou diversas metodoloxías de aprendizaxe, o que lle permitiu identificar o que funcionaba e o que non, así como desenvolver os seus propios hábitos de estudo. Con todo, a burocracia frustrou os seus plans universitarios, pero levouno a explorar o mundo do emprendemento dixital con Alemanología.
En 2020 arrancou o proxecto, inicialmente como unha páxina web e unha conta de Instagram nas que compartía consellos para aprender a lingua teutoa. O seu enfoque afastouse do tradicional e apostou por un contido colorido, ameno, con pouco texto e moitas imaxes, buscando desmitificar a idea de que o alemán é un idioma difícil e aburrido. A resposta do público non se fixo esperar e, a medida que a comunidade crecía, Jorge comezou a ofrecer clases en liña. A demanda aumentou axiña e Jorge profesionalizou o seu sistema, con grupos de traballo estables, leccións gratuítas todos os xoves, cursos de iniciación pregravados, material propio e varios empregados, entre os que se atopan dúas profesoras bilingües para impartir os niveis máis avanzados. Na actualidade conta con máis de 70 alumnos en diferentes países e máis de 27.000 seguidores en Instagram. Desde os seus inicios, as redes sociais foron un piar fundamental no crecemento de Alemanología. Instagram converteuse no corazón do proxecto, pois é a principal fonte de contacto co futuro estudantado. Jorge utiliza esta plataforma para compartir contido gratuíto, consellos prácticos e memes, o que lle permitiu crear unha comunidade activa e comprometida.
O éxito de Alemanología reside no seu método de ensino, que se basea na proximidade, a personalización e a comparación entre o alemán e o español. Este profesor preocúpase polo progreso de cada estudante, pois ofrece un seguimento individualizado e case diario cun material adaptado ás necesidades das persoas hispanofalantes. Tamén axuda a preparar os exames oficiais sen necesidade de acudir aos propios centros, moito máis caros e cun sistema menos personalizado. As clases gratuítas que imparte cada xoves son, segundo el mesmo afirma, a porta de entrada ao seu método de ensino para aquelas persoas que teñan dúbidas sobre se contratar algún dos cursos de pago. A pesar de non ser nativo alemán, Jorge soubo compensar esta «carencia» con proximidade, dedicación e un xeito innovador de dar clase. A súa experiencia en Alemaña aprendendo o idioma desde cero dálle a perspectiva necesaria, ao coñecer as dificultades do proceso e as mellores formas de avanzar día a día, e Alemanología é a culminación desta viaxe.
alemanologia.com | 675 06 17 72 (WhatsApp) | @alemanologia
LINGUAMANIA

Tras vir a Vigo de Erasmus e volver ao ano seguinte xa como lectora da universidade, a francesa Alexandra Lainé iniciou Linguamania en 2005. Desde os inicios, a academia enfócase enfocábase en ofrecer a empresas clases de idiomas, incluídos inglés, francés, alemán e italiano. A intérprete decidiu abrir o servizo a toda a cidadanía e, co tempo, especializouse tamén no ensino de español para estranxeiros. A este respecto, Linguamania busca familias de acollida en Vigo para estudantes foráneos, que polo xeral veñen por períodos curtos e desexan aloxarse con persoas nativas que falen español e estean dispostas a compartir a cultura local con eles. A propia academia lévaos de excursión a lugares dos arredores, de sendeirismo ou a comer a furanchos.
Desde a súa apertura, Linguamania estivo na zona máis céntrica da cidade, a rúa do Príncipe, primeiro nas Galerías Durán e na actualidade no número 49, fronte ao MARCO. A maiores dos idiomas xa amentados, tamén imparten xaponés e portugués, sempre con profesorado nativo ou bilingüe. Oriéntanse ao público adulto e adolescente que estea a preparar algún exame oficial. As clases poden ser presenciais ou en liña, tanto individuais como en grupos reducidos, sempre adaptadas ás necesidades do alumnado. Segundo Alexandra, a gramática é unha parte esencial na aprendizaxe dun idioma (especialmente nos de orixe latina), polo que fan especial fincapé neste aspecto á hora de ensinar, combinándoo coa práctica. Ademais dos cursos regulares, Linguamania organiza talleres de conversación en inglés, francés e español no bar La Rosa Negra desde hai quince anos, así como de español para estranxeiros en La Contenedora.
Rúa do Príncipe, 49, 2.º dereita | 986 11 32 38 | info@linguamania.es | @linguamania_language_school
OTR VIAXES EDUCATIVAS TODO O ANO

Desde 2005, da man de Matthew Newton e Elena Romero, Over The Rainbow (OTR) dedícase a impulsar a aprendizaxe de linguas e o desenvolvemento persoal a través de experiencias internacionais. Desde a Porta do Sol, esta axencia de viaxes de nome cinematográfico ofrece estancias educativas por todo o mundo: cursos de idiomas, campamentos de verán e programas de ano escolar no estranxeiro, dirixidos a nenos, mozos e adultos.
OTR distínguese polo seu asesoramento personalizado para axudar aos clientes a atopar o programa que mellor se adapte ás súas necesidades e orzamento; desde unha semana a un ou varios anos. Ofrecen estadías en Alemaña, Australia, Canadá, Os Estados Unidos, O Reino Unido, Irlanda, Canadá, Francia, Malta, Italia, Marros, Sudáfrica, Nova Zelanda, Xapón e Portugal. A variedade de servizos abarca desde campamentos de verán con cursos de idiomas ata programas de inmersión sen clases, pasando por estancias de ano escolar completo (ESO e bacharelato) e formacións para profesionais e empresas. Para quen busca unha experiencia máis aló dos cursos tradicionais, OTR organiza viaxes en grupo con cursos de idiomas e programas de voluntariado ou fútbol, hípica e rugby con nenos ingleses. Ademais, encárgase da xestión de viaxes e seguros para garantir unha estadía segura e sen complicacións. A axencia conta con acreditacións de calidade como BBSN Approved Agent, ICEF e IALC, todas elas de gran prestixio internacional. A excelente organización e o apoio continuo por parte da axencia durante a estancia no estranxeiro fan que a clientela non teña que preocuparse da parte menos apetecible de viaxar e poida centrarse en aprender o idioma e gozar da experiencia.
Porta do Sol, 10 | cursoenelextranjero.com | 986 24 61 41 e 654 22 23 22 | info@overtherainbow.es | @otr_idiomasyviajes
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Non é cidade para bibliotecas - 25 Marzo, 2025
- Sacar a lingua de viaxe - 24 Marzo, 2025
- Que queres que se faga no Teatro Cine Fraga? Estas son as peticións máis repetidas - 19 Marzo, 2025
- ACT Galicia, a canteira de intérpretes do noso audiovisual - 11 Marzo, 2025
- Novidades musicais viguesas do primeiro trimestre de 2025 - 7 Marzo, 2025