VIALIA
PLAYDOC

Banda á Feira volverá sacar os cómics ás rúas do Calvario

A terceira edición do festival de cómics Banda á Feira celebrarase os días 31 de maio, 1 e 2 de xuño en diferentes puntos do barrio do Calvario. O cartel é obra dun dos convidados de 2023, o multipremiado Juan Díaz Canales.

Cartel deseñado polo ilustrador de cómics madrileño Juan Díaz Canales

Por terceiro ano consecutivo Banda á Feira regresa en maio ao Calvario para encher o barrio de paixón polo cómic nunha cita marcada pola participación de grandes autores da chamada novena arte. Como vén sendo habitual o festival, organizado pola Asociación de Veciños do Calvario, utiliza o espazo público como unha forma de achegar a cultura da banda deseñada a todo tipo de públicos. Por este motivo, a feira ten lugar nos arredores do mercado e diferentes locais da asociación.

REVISTA ABRIL

Entre as distintas actividades previstas contarase con charlas e encontros con grandes voces do medio, un mercado no que os autores máis noveis poderán dar os seus primeiros pasos no mundo das viñetas, presentacións e sesións de firmas cos autores convidados. Tamén se contará cunha gran representación do ecosistema da banda deseñada local como Norma Editorial, Retranca Editora ou Kame Academia de Cómic, que ademais colaboran na organización do evento.

Nesta terceira edición, o artista escollido para a elaboración do cartel é Juan Díaz Canales, un dos convidados do ano anterior. O madrileño é coñecido internacionalmente polo seu traballo como guionista de Blacksad, unha serie mítica que vendeu máis dun millón de exemplares en todo o mundo e obtivo premios en festivais como o Gran Premio do festival de Angouleme, o Premio Eisner ou o Premio Nacional do Cómic no ano 2014. Na súa faceta como autor integral tamén é creador de obras como Como viaxa a auga.

No cartel é unha homenaxe aos cómics pioneiros de finais do século XIX e principios do século XX con personaxes saídos de publicacións como Hogan’s Alley como The Yellow Kid (ao que algúns consideran o protagonista do primeiro cómic da historia), Little Nemo in Slumberland ou Krazy Kat, entre outros. Canales móstranos un dos edificios máis emblemáticos do Calvario, o mercado na súa fachada da peonil, sendo engalanado para a ocasión por unha ladaíña de personaxes saídos das publicacións que nos devolven á orixe do cómic como expresión artística.