COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Berlai impulsa un crowdfunding para sacar adiante ‘Estampas galegas’

O novo proxecto de Xiao Berlai ‘Estampas galegas’ está formado por dez estampas en homenaxe ao ‘Cousas’ de Castelao. Cada estampa inclúe un relato, unha ilustración de Leandro Lambas e unha canción. Para poder publicar este libro-disco lanzan un crowfunding, no que se pode participar ata o 30 de abril.

Berlai en Concerto | E. Rivo

Berlai é o proxecto musical creado por Xiao Berlai. Falamos de música tan directa coma divertida, sen complexos, e que bebe da tradición galega, do rock, do jazz, do indie-pop e da música electrónica. Tras ‘Desconhecido’, o seu primeiro proxecto, un cómic con música para escoitar e ler a un tempo e Cas Berlai, un disco tradicional que se desenvolveu na casa durante o confinamento, chega ‘Estampas galegas’.

‘Estampas galegas’ é un disco-libro no que Xiao Berlai leva anos traballando; de feito, xa se pode gozar dun par de adiantos coma ‘Um home é um home’ ou ‘Roubarom-nos a heroína’, dous temas que agora poderán disfrutarse ao completo. Porque en Estampas galegas atoparemos moito máis que música. Para empezar, atoparemos retranca, humor, alegría e amor. Cada tema, chegará acompañado dunha ilustración de Leandro Lamas, e tamén dun pre-texto; historias ou reflexións propias de Xiao Berlai, cargadas de sorna e franqueza a partes iguais, e de temática tan galega coma universal (Galicia no mundo). Non pretende con isto facer unha análise exaustiva sobre Galicia. Estas estampas son só fotografías: lingua, música, cultura, ecoloxía… Unha colaxe capaz de abarcar todos estes temas dunha forma singular, sincera e divertida.

Estampas galegas’ conta cun total de dez estampas, e cada unha delas, nunha clara homenaxe ao Cousas de Castelao, consta das tres partes mencionadas; o relato que introduce o tema, a ilustración de Leandro Lambas, e a canción coa súa
letra. A orde dos factores, neste caso, non altera o produto. Pódese gozar na orde que se desexe, comezando polo principio, polo medio ou polo final; polos textos, polas ilustracións, ou polas cancións… Todo é válido e cada un ao seu modo vivirá a súa propia experiencia.

Para sacar adiante o proxecto, desde Berlai lanzaron un crowdfunding desde a plataforma Verkami co que xa se pode colaborar. Estará activo ata o próximo día 30 de abril. O diñeiro recadado servirá para poder investir na calidade do produto (fotografía, papel, acabados etc.), así como para desenvolver láminas especifícas que acompañen á publicación e camisetas. Tamén, por suposto, para poder correr cos gastos do lanzamento (os envíos, as comisións da plataforma, xestión, etc.).

SONRIAS

O obxectivo é recadar 3000 euros. Pódese colaborar con achegas de todo tipo, que abarcan desde os 20 ata os 180 euros. Como sempre nestes casos, o importe da achega conleva diversas recompensas; a principal, o propio disco-libro Estampas
galegas, asinado por Xiao Berlai e por Leandro Lamas.