CAMELIAS MASCOTAS

O GFFF quece motores cunha Batalla de Programadores e un Trivia Freak esta semana

O Galician Freaky Film Festival propón tres actividades previas ao festival: presentación do libro Un viaje por el cine fantástico y de terror, con  Javier Trigales e David Salgado; un Trivial Freak cargado de premios e unha divertida batalla de programadores.

Fotograma de Pesadelo en Elm Street, un dos filme homenaxeados na oitava edición do GFFF

O GFFF celebra a súa oitava edición entre o 20 e o 28 de setembro na Plaza Elíptica de Vigo. O festival de cine fantástico e de terror homenaxea este ano os filmes Terminator e Pesadelo en Elm Street, ademáis de proxectar curtas internacionais e organizar unha ducia de actividades paralelas. Antes de arrancar, o Galician Freaky Film Festival ten prepradas tres actividades para  ir quecendo o ambiente freak da cidade e atraer ao maior número número de asistentes ao festival.

Esta programación previa arranca o xoves 12 de setembro ás 19:00 coa presentación na FNAC do libro Un viaje por el cine fantástico y de terror, con Javier Trigales e David Salgado. Primeiro volume dunha saga na que os guionistas galegos repasan, xunto a outros colaboradores, os albores do cine fantástico e de terror en todo o mundo ata os anos 60.

O mesmo día, a partir das 22:00, o equipo trasládase ao local de xogos de mesa Cheyenne para vivir unha noite de Trivia Freak, na que se porán a proba os coñecementos dos participantes arredor do cine de terror e ciencia ficción. A xornada promete moitas risas e algún susto, xa que o festival está dedicado este ano ás sagas Terminator e Pesadelo en Elm Street e ten preparadas sorpresas relacionadas con estes filmes. A inscrición ten un prezo de 2,50 € por equipo, e recoméndase formalizala con antelación a través do teléfono 630 06 50 75, ainda que non é estrictamente necesario. 

REVISTA NOVEMBRO

Quen sexa quen de demostrar que é un auténtico freak respondendo correctamente a todas as preguntas poderá levar algún dos premios aportados por Devir, unha das marcas referentes do sector xa que editan e distribúen algúns dos xogos de mesa máis populares, así como rol, Magic e Yu-Gi-Oh!

A terceira actividade da semana é unha Batalla de Programadores entre os cinco responsables de artellar a programación do Galician Freaky Film Festival. Unha noite de curtas, humor e cervexas que se celebra na Galería Maraca o venres 13 de setembro a partir das 20:00 h . Juan de Castro ‘Herr Direktor’, Miriam Álvarez ‘Lady Reference’, Ignacio Lago ‘Hacker Man’, Paula Pazos ‘Akara IRC’ e André Oliveira ‘O Terror Tropical’ proxectarán as súas curtametraxes favoritas e chegarán ás mans para alzarse co premio de Mellor Programador GFFF.  

Unha actividade perfecta para novatos e veteranos do festival, no que se poderán visualizar algunhas das mellores curtametraxes que pasaron polo festival e desfrutar do mellor ambiente freak. Ademais, durante a batalla os organizadores adiantarán en exclusiva algunhas das actividades e novidades da inminente edición.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.