Trinidad Vázquez (profesora): “Cando pasan os anos, o que recordas da túa vida escolar é aquelo que saíu da rutina”
Un grupo de rapaces dispón sobre unha mesa varios artiluxios científicos e paneis explicativos do seu proxecto. Á súa dereita e esquerda, outros grupos de rapaces fan o mesmo, á espera de que o público se achegue a coñecer os seus experimentos. Podería ser o trillado inicio dun filme estadounidense, pero desde 2023 isto ocorre na Porta do Sol de Vigo. O responsable de que este soño adolescente americano traspase a pantalla é o centro de investigación vigués CINBIO, organizadores da feira CinVigo na que, ademais de expoñer traballos de escolares, o público miúdo pode participar en obradoiros, xincana ou asistir a espectáculos coas ciencias como protagonistas. Todas as actividades son de balde, algunhas requiren de inscrición e desenvólvense os días 20 e 21 de abril na Porta do Sol. Aquí pode verse o programa completo.
Trinidad Vázquez é profesora de Bioloxía e Xeoloxía no IES A Guía e o equipo coordinado por ela goñou o ano pasado o premio Teen Reserarchers, ao mellor proxecto presentado por alumnos de bacharelato cun estudo medioambiental titulado Investigadores por uns días.
En que consistía o proxecto gañador?
Fixemos un estudo da calidade ambiental dun tramo do río Eifonso en Vigo, atendendo a catro aspectos: características fisicoquímicas; parámetros de caudal e velocidade; calidade biolóxica, a través do estudo dos macroinvertebrados presentes no río, e tamén un estudo dos restos patrimoniais, que coordinou o departamento de galego.
Como foi o traballo no centro para desenvolvelo?
Foi un proxecto moi amplo no que trabamos profesores de bioloxía e xeoloxía, física e química, matemáticas e galego. Aínda que polas características do concurso a cara visible foron catro rapaces, o certo é que participaron grupos desde 3º da ESO ata 1º de bacharelato durante varios meses. Realizamos traballo de campo no río Eifonso, pero tamén moito análise nas aulas, sempre intentando que o enfoque fose o máis práctico posible. Este ano, aínda que non o levamos ao concurso, estamos realizando outra vez o mesmo estudo, para ver se ao longo do tempo a auga dese tramo do Eifonso chega a cumplir uns parámetros medioambientais bos.
Gañar este premio influíu no interese do alumnado na asignatura de bioloxía?
Moitísimo. Encantoulles a experiencia, e iso que eu a vivín como agotadora! Durante as seguintes semanas recibimos moitos comentarios positivos e parabéns, os rapaces estaban pletóricos! A educación reglada pode ser excesivamente teórica e facer este tipo de actividades, desde as saídas ao río ata a participación no concurso, son moi motivantes para eles. Ao final, cando pasan os anos, o que recordas da túa vida escolar é aquelo que saíu da rutina. Tamén é importante motivar aos rapaces.
Entón este ano terás moitos máis voluntarios para acudir á feira?
Si, tivemos que facer algo máis de criba porque están máis motivados. Sempre digo que a motivación é unha parte fundamental da ensinanza e os profesores somos como o entrenador do Celta. Cando manda sair aos xogadores ao campo non é para participar, é para gañar; nós chegamos con esa actitude a CinVigo. Despois pode suceder calquera cousa, xa que se presentan moitos proxectos moi competentes, pero temos que transmitir ilusión e espíritu de gañadores.
En CINBIO sempre inciden na diferencia de paridade nas carreiras científicas, que contan con máis homes que mulleres. Nótase esta tendencia xa nos institutos?
Si, notamos esta diferencia xa na escola. Neste aspecto hai que diferenciar entre a rama sanitaria e a tecnolóxica. Se hai máis rapazas é na rama sanitaria, na parte tecnolóxica sempre hai máis homes.
Quedastes con ganas de repetir a experiencia?
Si, por suposto, esta fin de semana volvemos a CinVigo con outro proxecto distinto e na categoría de 3º e 4º da ESO. Tampouco descarto participar noutros concursos do estilo xa que, felizmente, cada vez hai máis en varios municipios galegos. De feito algúns os descubrín o ano pasado na feira, a raíz de falar con outras profes alí. O que me parece máis relevante destes eventos é que poñen en valor o que facemos día a día nas escolas e institutos.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024