Guía para ir a Reconquista de Vigo
Este venres comeza a festa popular máis importante da cidade: a Reconquista. Malia que a inestabilidade do tempo poida cambiar os plans, deixámosvos unha guía completa con todo o que debedes saber sobre esta gran romaría urbana. Nesta ligazón tedes a programación completa de actividades.
CANDO É?
A celebración arrancou hai dúas semanas coa representación da destitución do alcalde e da corporación profrancesa de Vigo Tras a pausa de Semana Santa, a Reconquestiña, na que se xuntaron máis de 1000 escolares, celebrouse este mércores 3. A festa grande comeza este venres 5 coa apertura do mercado ás 17:00 e rematará o domingo 7 á noite.
VAI CHOVER?
Ata que chegue o momento non o podemos saber con seguridade. A día de hoxe, WindGuru prevé chuvias o sábado, pero non o venres nin o domingo. MeteoGalicia, en cambio, non da chuvias venres nin sábado, pero si hai máis opción o domingo (55% de probabilidade). Por último, Meteoblue prevé un venres seco, un sábado con bastantes posibilidades de chuvia e un domingo sen precipitacións. Que conclusións sacamos? Que a climatoloxía vai ser inestable, que algún chaparrón seguramente nos caia, pero que tamén haberá moitos momentos nos que a auga dará tregua.
QUEN O ORGANIZA?
Como contamos neste artigo, a Reconquista é un evento creado hai máis de 25 anos pola veciñanza do Casco Vello, que ano tras ano foi medrando ata convertirse en Festa de Interese Turístico Nacional en 2019. Parte do orzamento vén das arcas do Concello, cantidade que complementan con patrocinios privados e cos beneficios do mercado. Os actores tamén son xente do barrio, e a maioría repiten ano tras ano, o que lle dá a toda esta celebración un ambiente do máis familiar. Neste artigo do 2019 falamos co elenco daquela Reconquista.
CAL É O HORARIO DO MERCADO?
O famoso mercado da Reconquista, que ten desde pezas de artesanía ata deliciosos manxares culinarios (bendito chouripán), abre as súas portas o venres 5 ás 17:00 ata as 23:30. O sábado e o domingo fará o propio de 11:30 a 23:30.
NOVIDADES DESTA EDICIÓN
Este ano a festa amplíase ata a rúa de Elduayen e o Paseo de Alfonso XII, onde haberá parte do mercado e un torreiro.
CANDO E ONDE VAI SER A REPRESENTACIÓN PRINCIPAL?
O acto central da Reconquista é a súa representación, onde se escenifica o momento da expulsión das tropas francesas a mans da milicia local. Será o domingo ás 18:00 no torreiro da Porta do Sol. Continuará na rúa Gamboa co derrubamento da porta homónima e rematará no porto, coa expulsión en barco do exército napoleónico.
COMO IR VESTIDOS?
Aínda que ninguén che vai prohibir entrar no Casco Vello se non cumpres o código de vestimenta, non está de máis ir caracterizados (que non disfrazados) na medida do posible. Neste artigo vos deixamos uns cantos consellos.
HABERÁ MÚSICA?
Numerosas agrupacións tradicionais actuarán nos torreiros repartidos por toda a zona vella ao longo dos tres días. Os concertos máis grandes terán lugar no escenario de Porta do Sol. Aquí podedes consultar a programación completa.
ONDE ESTARÁN OS TORREIROS?
Como podes ver no mapa de abaixo, haberá un total de nove torreiros repartidos en Porta do Sol, dous no Berbés, Praza dos Ratos, A Pedra, Eduardo Chao, Paseo de Alfonso, Colexiata e Falperra. Os cadrados azuis indican os baños.
CORTES DE TRÁFICO
Se tiñas pensado coller o coche e pasar polo centro esta fin de semana, non parece moi boa idea. Toda a zona do evento estará reservada para os viandantes e vehículos autorizados, e partir do xoves ás 20:00 tampouco se poderá aparcar nalgunhas partes ou na totalidade das rúas Falperra, Cachamuíña, Teófilo Llorente, Real, Chao, San Vicente e San Francisco. O mesmo o domingo nas rúas Victoria e Reconquista, por mor da representación teatral. Esa xornada haberá cortes de tráfico en Carral , Policarpo Sanz, Reconquista, Victoria e Praza de Compostela.
O CARTEL DESTE ANO
O cartel oficial deste ano é obra do deseñador local Rubén Suárez, onde se nos mostra a un francés cun chouripán e unha viguesa cunha botella de viño danzando ao son da música. Unha ilustración artesanal que fuxe da habitual belixerancia da celebración, todo o contrario que a imaxe que compartiu a conta de Instagram da Reconquista, realizada cunha intelixencia artificial.
PERO ANTES, UN POUCO DE HISTORIA
O 31 de xaneiro de 1809 os franceses asediaban e facíanse co poder da vila de Vigo. Aínda que a convivencia entre franceses e vigueses era tensa transcorreu sen demasiados incidentes. Entre os locais mantívose unha rede de contactos coas autoridades de fóra para organizar a sublevación, o rexedor vigués Vázquez Varela xogou aquí un papel fundamental. De maneira moi astuta soubo ir minando ao inimigo, racionándolle a comida para que chegado o momento da revolta estiveran baixo mínimos de enerxía. Queres saber máis? Preme aquí. Para coñecer un pouco máis do acontecido en 1809, podemos enrolarnos nas rutas temáticas que organiza Vigo Turístico estes días.
AÍNDA QUE NON TODO FOI COMO SE NOS CONTA
Pedro Feijoo, un dos nosos escritores máis ilustres, hai catro anos deixounos un par de artigos sobre a Reconquista que paga a pena volver a ler. No primerio fala da súa relación de amor-odio con esta festa (aínda que parece que gaña o amor), e no segundo explica unhas cantas inexactitudes do que popularmente coñecemos como Reconquista, do relato construído co paso dos anos.
CONCURSO DE MICROMETRAXES
A Vigo Film Office organiza un concurso de micrometraxes de máximo 90 segundos cuxo tema principal ten que ser a Reconquista, polo que esta fin de semana é o momento idóneo para captar coa cámara as vosas ideas. Pódese participar ata o 30 de abril.