vigo turistico
REVISTA ABRIL

Vestidos para (re)conquistar

Coa chegada do mes de marzo, a cidade vólvese preparar para unha das festas máis representativas: a Reconquista da vila de Vigo. O próximo día 28, festivo local, a veciñanza local retrocede ao ano 1809 para expulsar as tropas francesas instaladas na cidade a primeiros dese ano. Se ben o fito de ser o primeiro lugar de España en botar fóra as tropas napoleónicas xa se conmemoraba a mediados do século XIX, a festividade tal e como a coñecemos na actualidade púxoa en marcha a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo en 1997. Desde entón, a celebración convoca cada ano a máis xente e foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional en 2019.

Unha das dúbidas que pode xurdir á hora de nos preparar para a Reconquista é a de saber como nos deberiamos vestir de querermos participar de cheo na celebración. Lembremos que non se trata dunha festa medieval nin romana, xa que estamos no século XIX, de modo que escoller a indumentaria para a ocasión pasa por coñecer un pouco da sociedade galega daquel momento. Patricia González Iglesias, costureira e experta en moda tradicional, explica que en 1809 aínda non chegaran os tecidos industriais a Vigo, así que, exceptuando os panos que se importaban desde Bélxica, a maior parte da roupa procedía dos teares manuais, o que daba unhas pezas moito máis bastas que as de hoxe. Tamén recorda que os pantalóns longos son pezas de fábrica que ata o ano 1900 non foron moi comúns en Galicia, onde o máis común era levar calzóns. A vestimenta de hai dous séculos é o que hoxe en día coñecemos como «traxe tradicional galego», que ten diferentes versións segundo se tratase dun traxe de uso diario, de gala ou mesmo de semigala. Non obstante, o estrato social máis común do Vigo de 1809 pertencía ao campesiñado.

Representación da Reconquista en 2022 | P. Vázquez

A vestimenta que acostumaban usar as mulleres galegas para as tarefas do día a día incluía unha saia ou refaixo de tecido groso diante da que se colocaba un mandil e, na parte de arriba, unha camisa branca ou chambra, cuberta cun pano ou mantón e aínda cun corpiño ou xustillo. O pelo adoitaba ir tapado cun pano anoado arriba ou atrás e os pés calzábanse con medias ou escarpíns e unhas zocas ou zapatos negros e era común levar pendentes nas orellas; a cantidade de xoiería, pedrería e damascos dependía moito do nivel adquisitivo de cada persoa. Unha forma de buscar unha versión máis económica do traxe pode pasar por substituír o corpiño por unha toca de la e o refaixo por unha saia con voo feita de materiais estampados máis finos, pois está demostrado que os comerciantes cataláns que viñan embarcados intercambiaban este tipo de tecidos por sal. Por outra banda, o traxe tradicional masculino estaba composto na parte de abaixo por unhas cirolas, unhas calzas e unha faixa arredor do tronco. Na parte de arriba, a camisa cubríase cunha chaqueta e un chaleco. Decote, a cabeza ía tapada cun pucho ou cun sombreiro e nos pés levábanse medias ou polainas por baixo de zocos ou de zapatos negros.

Banner A Movidiña

Patricia González recorda que non se trata dun disfrace, senón dun auténtico traxe tradicional ao que se lle debe un respecto. Pensa que non hai problema en que as mulleres decidan poñer o traxe tradicional masculino nin que os homes vistan o que ten refaixo e corpiño, pero sempre e cando non se faga desde a mofa e se leve con orgullo.

Consulta aquí a programación completa da Reconquista 2024

Antía Monteagudo
Redactora