Mercado reciclado, O Crebanoces e Belako esta fin de semana en Vigo
Xa vai quedando menos para a chegada dun novo ano pero Vigo segue a ofrecer plans de todo tipo para que non quedes na casa. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida, tamén temos unha axenda especial de Nadal.
FEIRA RETROFEST – Venres, sábado e domingo no CC Camelias – De balde
O mercado de libros, discos e vinilos que se celebra mensualmente no centro comercial ten lugar os días 15, 16 e 17 de decembro. O domingo actúa Diego Caride e Alexandra ás 19:30. Durante o mercado haberá unha exposición de ilustracións e pinturas de Luna con Alas Art e Ichigo Art.
MERCADO RECICLADO – Venres sábado e domingo en Simia – De balde
Mercado Reciclado, unha iniciativa da deseñadora de moda Felicetta Gualtieri, que cada mes amosa marcas locais de roupa upcycling, segunda man e artesanía. Neste mercado atoparemos artigos cheos de historias únicas e poderemos coñecer a persoa que está detrás de cada un destes proxectos. Ademais haberá diversas actuacións musicais e oferta gastronómica vegana. Tamén haberá zona de intercambio do banco de donacións do taller. Nesta ocasión A Movida participa cun posto de camisetas.
A Orquestra Vigo 430 presenta o seu terceiro concerto da tempada 2023/24 «Orixes», patrocinada polo Concello de Vigo, no que a súa programación dará o salto das pequenas agrupacións de música de cámara que protagonizaron os dous primeiros concertos ao gran repertorio sinfónico. Un programa que presenta múltiples puntos de interese, como o brillante «Concerto heróico» do Mestre Rodrigo que, composto orixinalmente para piano solista, poderemos escoitar nesta ocasión na versión para marimba realizada polo sempre espectacular Conrado Moya, quen xa ofreceu un antolóxico concerto con este instrumento hai un par de tempadas xunto co Ensemble Vigo 430.
MARINITA Y SUS MAROMAS – Venres ás 20:00 no Auditorio Municipal de Teis – 10,00€
A compañía de teatro e cabaret travesti máis famosa da cidade volve a Teis para deixar ao público coa boca aberta e cun sorriso de orella a orella. Números musicais coreografiados con pequenas escenas entre os mesmos.
VIGOCULTURA: CANTIGAÉVERSO – Venres ás 20:00 no Auditorio Municipal – 3,00€
Cantigaéverso é un espectáculo poético e musical a cargo do escritor, editor e músico Francisco Castro e do músico e produtor musical, Federico Welicki, e no que se repasan e revisitan os clásicos da poesía galega musicada. Trátase dun espectáculo no que os dous músicos en escena, reforzados por un percusionista, fan unha viaxe completa pola historia das composicións poéticas que versionaron os nosos grandes músicos. Durante a actuación, mestúrase a explicación e a música poetizada, aínda que esta é a que domina.
INAUGURACIÓN ‘SÁHARA EN MENTE’ – Venres ás 20:00 en A Morada – De balde
A exposición “Sahara en Mente” foi producida e impulsada por Fundación Ibili a raíz de coñecer o proxecto “Sahara en Mente”, desenvolvido pola ONG Mundo en Movimiento con fotografías de Miguel M. Serrano. Pretende definir un marco teórico valioso para un traballo con visión comunitaria, inclusivo e transcultural, mirando máis alá do enfoque clínico predominante en occidente, pero non tanto así noutras partes do mundo.
BELAKO – Venres ás 21:00 en Radar Estudios – Desde 14,00€
Belako é unha banda de música indie-rock orixinaria de Mungia, País Vasco, formada no ano 2011. O grupo está composto por Josu Ximun Billelabeitia (voz e guitarra), Lore Nekane Billelabeitia (voz e teclados), Lander Zalakain (baixo) e Cristina Lizarraga (batería). Cun son fresco e en constante evolución, Belako cativou a audiencias dentro e fóra de España coa súa proposta musical na que fusionan elementos do rock alternativo, post-punk e electrónica. O seu estilo innovador e letras reflexivas foron recoñecidos na escena musical independente.
FILLOAS – Venres ás 21:30 na Sala Kominsky – Desde 7,00€
FILLOAS conta cun bo recoñecemento dentro da escena emerxente galega con varias aparicións na TVG, Radio Galega, Prensa escrita e dixital, creadores de contido… Esta repercusión chamou a atención de varios programadores en Galicia, destacando a participación en diversos festivais (incluindo o Emigrason celebrado en Bruxelas e o Festival de la Luz), salas de concertos e un existoso concerto de presentación de disco. Baixo o nome de “Filloas: salva Vigo polo nadal (outra vez)” presenta un novo formato de directo, moito máis impactante a nivel visual e cunha maior calidade musical, varias sorpresas e convidados de altura. Despois do seu concerto, afterparty do concerto da Orquesta Neverloura.
BEN YART – Sábado ás 21:00 na Sala Doppler – Desde 16,00€
Ben Yart traslada á súa música o relato da súa vida, as súas experiencias e o día a día dun rapaz de Mendillorri en Pamplona. E non se esconde. Trata temas sen pudor como as drogas, a vida no barrio e o desenfreo nas festas.
O CREBANOCES – Domingo ás 19:00 – Desde 30,00€
Seguindo a tradición e o espírito do ballet clásico, esta suntuosa produción do Ballet Ruso de San Petersburgo captura toda a beleza e o drama do auténtico ballet romántico, un clásico de todos os tempos que chama a todas as xeracións.En cada unha das presentacións, a motivación principal do Ballet Ruso de San Petersburgo é coidar as tradicións e esencia do ballet clásico máis puro, facendo delas un festexo para os sentidos co encanto dos seus vestiarios e a vistosidade das súas decoracións; xerando un equilibrio fascinante coa perfección das súas liñas e a sobriedade das súas coreografías.