CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Mercado da Arte, Los Secretos e Axolotes Mexicanos esta fin de semana en Vigo

Remata novembro e comeza decembro, como vén sendo habitual, cunha chea de actividades para todos os gustos: catas de viño, narración oral, teatro, concertos, feiras de arte… Preme no título de cada evento para obter máis información ou visita nosa axenda.

MULLERES DO VIÑO – Venres ás 19:30 en Vitruvia – 12,00€

Novo encontro arredor da cultura do viño co escritor Xavier Castro. Nesta ocasión, falarase das “Mulleres do Viño” e de como superaron a marxinación no mundo da viticultura logrando o recoñecemento polo seu excelente labor. Estará en Vitruvia a enóloga Belén Varela coa súa innovadora proposta de albariños que desenvolve na Adega Villaverde-Just B das Rías Baixas. Coa degustación dos seus viños, servirase algún que outro petisco de O Rexo, un excelente queixo de ovella elaborado artesanalmente en Allariz e de paleta ibérica Montechico, unha firma vinculada moi estreitamente con Vigo. Todo iso ben acompañado de pan de trigo e millo de calidade.

PAULA CARBALLEIRA – Venres ás 19:30 na Biblioteca Xosé Neira Vilas – De balde

Contos Dakí é un ciclo no que nos visitan algúns dos contadores e contadoras de máis renome do panorama galego e internacional para deleitarnos cos seus contos rescatados da tradición oral, pero tamén da cotiandade que nos rodea. Son historias cheas de humor e retranca que de seguro non han deixar indiferentes a todas aquelas persoas que teñan o pracer de escoitalas. Nesta ocasión visítanos a contadora Paula Carballeira.

MICROESCENA LAB – Venres ás 20:30 en A Morada – 4,00€

Un espazo para a experimentación escénica onde poder ser testemuña do proceso creativo de distintas propostas de artes vivas. Consiste nun itinerario onde o público, dividido en dous equipos, transitará a través das catro pezas breves que ocuparán os distintos espazos que ofrece a propia arquitectura da Morada, onde todo é susceptíbel de converterse en escenario. Unha experiencia de creatividade e aprendizaxe, onde a comunicación entre público e creadoras acontece a través do non convencional, do ensaio e erro, da exploración. Nesta sexta xornada poderemos asistir ás propostas de Vaia Teatro, Mr.Vudú, Constance Hurlé e Natalia

AXOLOTES MEXICANOS – Venres ás 22:00 na Kominsky – 13,00€

Superbanda de Punk-Pop frormada por os Juan Pedrayes e Mario Del Valle de Carolina Durante, Stephen J. Lyne de No Fucks e Stephen Please, Lucas de la Iglesia de Confeti de odio e ademais contan cunha frontwoman única e irrepetible, Olaya Pedrayes! Capaces de combinar nunha única proposta influencias do J-Pop, o manga, o punk máis desquiciado e o cine de terror, son unha das propostas máis orixinais destes últimos anos.

ORQUESTRA KV2211 – Sábado ás 20:00 no Teatro Salesianos – Caixa inversa

Arranca a nova tempada da Orquestra Infantil KV2211 co concerto “Saudade de Cuba”, unha experiencia formativa diferente, difícil e moi interesante para os mozos e mozas da Orquestra. A Orquestra Infantil e Xuvenil de VigoKv2211 constituíuse no ano 2017 e actualmente está formada por máis de 60 músicos de corda, percusión e piano de Vigo, Tui, Porriño, Nigrán, Baiona, Gondomar, Santiago de Compostela, Mos e Ourense. Ademáis da Orquestra Xuvenil, dirixida por José Manuel Fernández, e a Orquestra Infantil, por Raquel Fernández, conta con Ensemble de Cordas, formado por músicos da Orquestra Xuvenil, o Ensemble de Chelos, baixo a dirección de Miriam Fernández que integra a todos os chelistas das dúas orquestas, e o Coro de Pais, Nais e Amigos e Amigas da Kv2211 que participan, ocasionalmente nos concertos.

IRMAUS DA RAIA SECA – Sábado ás 20:00 na Casa de Arriba – 7,00€

A Raia Seca é o territorio que se extende aos dous lados da liña que separa Galiza e Portugal, xa lonxe do Miño. Quilómetros de fronteira que se estende no espazo e no tempo. A banda da Raia Seca confórmana  os irmáns Pascual e Álvarez. Un proxecto cunha instrumentación ben interesante e un repertorio xenuíno en torno aos territorios limítrofes ou arraianos de Galicia.

QUERO SER UNHA VACA – Sábado ás 20:00 na Artística – Caixa inversa

Visionado da peza en proceso ‘QUERO SER UNHA VACA’ e posterior charla/coloquio falando coa artista sobre o seu proceso de creación.

LOS SECRETOS – Sábado ás 20:30 e o domingo ás 19:00 – Desde 38,50€

Los Secretos narran a súa propia historia en primeira persoa. Fano a través das súas cancións. E volven tamén sobre as circunstancias, ás veces tráxicas, que viviron na súa carreira desde a fundación do grupo. Esa é a proposta do musical A tu lado, que a banda liderada por Álvaro Urquijo estreou na primavera deste ano e que chega ao Teatro García Barbón.

O LEO DE MATAMÁ – Sábado ás 21:30 no Monk Pub – Caixa inversa

CAMELIAS NADAL

O Leo de Matamá, tamén coñecido como O Leo i Arremecághona!!!, é un recoñecido músico e poeta galego con varias décadas de traxectoria ás costas.

MERCADO DE ARTE DE NADAL – Domingo de 11:30 a 20:30 no Mercado do Calvario – De balde

Un Mercado que volve a estar marcado pola carga artística dos expositores, onde se poden ver as obras nos bancais das peixeiras. As disciplinas que destacan son pintura, ilustración, textil, xoieria, serigrafia… Este mercado acolle a máis de 80 expositores galegos, seleccionados entre máis de 200 propostas, chegados de norte a sur, con moitas gañas de mostrar o seu traballo.