VIALIA
PLAYDOC

Felicetta Gualtieri, a deseñadora que dá nova vida á roupa e organiza o Mercado Reciclado

Mercado Reciclado é unha iniciativa da deseñadora de moda Felicetta Gualtieri, que cada mes amosa en Simia marcas locais de roupa upcycling, segunda man e artesanía. A próxima cita é o sábado 9 de setembro, de 12 a 21h, con postos de venda, música e petiscos.

Felicetta Gualtieri no súa tenda taller en Simia | P. Cermeño

O primeiro que comprou Felicetta Gualtieri cando se instalou Vigo en 2019 foi unha máquina de coser. Non foi algo repentino. Esta artista e costureira venezolana xa chegaba coa maleta chea de patróns que non foi quen de deixar atrás e que hoxe colgan detrás da máquina na súa tenda-taller de Simia Coworking.

Felicetta cóntanos que no pasado traballou para marcas de moda como Volcom ou Zara e que tivo o seu propio atelier en Valencia (a de Venezuela), onde deseñaba vestidos de noiva e ocasións especiais. En 2015 instalouse en Lima e tomou contacto coas feiras e co upcycling, filosofía que segue hoxe en día. O upcycling (ou suprarreciclaxe) é un un conxunto de técnicas que utilizan a creatividade para dotar de valor engadido a obxectos que xa existen, pero non utilizamos. Para ilustralo, Felicetta ensínanos un peto creado con retazos de pantalóns vaqueiros de diferentes tonos de azul. Coa tea sobrante, elaborou un bolso e un pequeno coxín e tamén reutilizou os botóns, a cremalleira e incluso os fíos. O resultado é unha prenda única e sostible.

REVISTA MAIO

“Empecei pintando chalecos cowboy e creando gorros de pescador e faldriqueiras con anacos de tea. Depsois vendíaos en feiras e eventos onde me daba a coñecer”, rememora a artista, que ten estudos de patronaxe e comunicación de moda. Hoxe en día elabora todo tipo de prendas a partir de texido reciclado que vende a través da súa páxina web. Tamén recolle encargos personalizados de reciclaxe e transformación de prendas e imparte clases no seu taller.

Con Mercado Reciclado Felicetta retoma ese espíritu co que comezou o seu negocio. “Nun inicio non ía ser un evento periodico, pero a xente mo pediu”, conta Gualtieri. Nesta feira mensual encontramos prendas de segunda man, xoias artesás e marcas que, como ela, practican a suprerreciclaxe textil. “Creo que os mercados son imprescindibles para as pequenas marcas e tamén un punto de encontro para non sentirnos tan soas”. Engade que as veces o importante non é vender moito na propia feira, pero si darse a coñecer.

A próxima edición do Mercado Reciclado será este sábado, 9 de setembro, en Simia Coworking e, como cada vez, as marcas artesás, sostibles, creativas e autoxestionadas serán o corazón do evento. O mercado tamén contará con actuacións musicais: Carolina Galand, ás 13:00 h, para amenizar a hora do vermú; LuisMa Taboada ás 18:00 h e concerto acústico de Lowtiders ás 19:30 h. Ademais, os asistentes tamén poderán degustar as hamburguesas vexetais de Flor de hamburguesa.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.