Cociña de abordo: vieiras ao albariño
Un ano máis, Pereira edita Cocina de abordo, un receitario cargado de ideas de pratos para compartir durante o Nadal.
Neste 18 volume, a empresa de produtos do mar réndelle tributo a unha das figuras máis destacadas da literatura galega: Álvaro Cunqueiro. O sobranceiro autor literario e xornalista nado en Mondoñedo e fillo adoptivo de Vigo foi ademais un célebre gastrónomo. Editado en formato de calendario, o receitario de Pereira recolle e actualiza algúns dos pratos mariñeiros que don Álvaro compilou hai medio século no libro A cociña galega. Nun labor de modernización, o receitario deste Nadal conta coa viguesa Ana Vilar, cociñeira da cervexería Leria, gañadora da última edición do 8.º concurso de tapas O Petisquiño e candidata á mellor cociñeira no certame De Tapas por Galicia 2023; e mais co coruñés Lluis de la Riva, finalista do concurso de RTVE MasterChef 11. Foi este último cociñeiro o que reformulou esta receita de vieiras ao albariño.
Ingredientes (para catro persoas):
12 vieiras
100 g de touciño entrefebrado
150 g de manteiga
3 dentes de allo
6 espárragos brancos
150 g de fariña
250 ml de leite
500 ml albariño
2 copas de coñac
2 limóns en zume
5 xemas de ovo
1 lima relada
Elaboración:
Poñemos o touciño entrefebrado nunha tixola a lume medio ata que estea crocante, retirámolo deixando a graxa e incorporamos a manteiga e os allos ben picados. Cando collan un pouco de cor, marcamos as vieiras e, deseguido, os espárragos previamente cocidos. Na mesma manteiga preparamos un bechamel engadindo primeiro a fariña e, cando estea lixeiramente dourada, o leite quente, remexendo continuamente para que non se formen grumos. Incorporamos o albariño e o coñac e deixamos que se evaporen. Retiramos do lume e mesturamos coa axuda dun batedor de varas manual o bechamel co o zume de limón e as xemas de ovo, que deixamos que se cociñen coa calor residual. Empratamos as vieiras e o espárrago nun leito de salsa e coroámolo co touciño crocante e reladura de lima.
Para quen quede con gana de máis, nas tendas que Pereira ten no número 59 da rúa da Beiramar e no número 41 da rúa da Ronda de Don Bosco regálase un receitario en forma de almanaque coa compra dos produtos do mar para o Nadal. Na web pereira.es hai un apartado específico para receitarios, onde se poden descargar outras propostas coas que aproveitar do xeito máis exquisito o sabor do Atlántico.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024
- Monkey Park, diversión salvaxe en Portugal - 12 Novembro, 2024
- Tea Talk, un sorbo de Asia no corazón da cidade - 7 Novembro, 2024