CAMELIAS MASCOTAS

Artistas grandes e pequenos brillan no festival Underfest

A sexta edición do festival Underfest celebrouse esta fin de semana en diferentes espazos da cidade e demostrou, por se aínda quedaban dúbidas, que é o mellor festival de música da cidade. Artistas grandes e pequenos de todos os estilos brillaron nun evento que, malia a falta de financiamento do goberno local, proba que existe outra maneira de facer festivais.

Paul Weller no Mar de Vigo | PixelinPhoto

Onde outrotora resoaron os laios dos presos e os berros dos vixiantes, o Underfest trouxo ao museo Marco dúas propostas ben diferentes pero igualmente desfrutables para comezar o maratón de concertos. O primeiro foi o norteamericano Sam Amidon, quen cantou, acompañado da súa guitarra acústica e do seu banjo, folk de corte tradicional. Situado no panóptico do museo, protexido pola obra The Perfect Year de Lluís Lleó, o eco da zona central do edificio axudou a que a súa voz (unha mestura entre Michael Stipe e Nick Drake) chegara a todas partes.

Sam Amidon no Marco | P. Vázquez

Ao rematar o recital, nun dos corredores do Marco comezou o seu o xove Raúl Martí Chelet, musicalmente coñecido como Queidem. Vestido con indumentaria papal e visiblemente nervioso, presentou as cancións do seu único disco Evitaremos todo mal, publicado este mesmo ano. Pop electrónico intimista de aires clásicos ao que o chello de acompañamento íalle como anel ao dedo.

Queidem no Marco | P. Vázquez

Do Marco camiñamos á zona de Churruca, onde continuaba a festa. Os británicos Ciel (aínda que con guitarrista español), tiraron abaixo a porta da Kominsky con toneladas de distorsión e ruido. O trío de shoegaze e grunge soou contundente e veu a confirmar algo que xa nos esperabamos: no Underfest teñen cabida todo tipo de músicas.

Ciel na sala Kominsky | P. Vázquez

O seguinte concerto, que ía ser en La Iguana Club pero que tivo que ser trasladado á Masterclub a última hora (polo visto o veciño máis odiado de Churruca segue a facer das súas), era un dos pratos fortes do festival. O dúo británico Blood Red Shoes encheu a sala (unha das máis grandes da cidade) e ofreceu un concerto para o recordo. Precisaron pouco máis que unha enérxica batería, melodías apegadizas e, sobre todo, unha guitarra con máis decibelios que as turbinas de un avión para gañarse a todo o público presente. 

Blood Red Shoes na sala Masterclub | PixelinPhoto

PVA, na sala Radar, serían os seguintes en actuar, pero preferimos coller forzas para o último bolo da noite: La Perra Blanco. Puro rock and roll clásico da man da fantástica cantante e guitarrista andaluza, que fixo bailar a todo o mundo mentres caracoleaba polo mástil da guitarra a unha velocidade de vertixe. Unha ponte musical entre Memphis, Cádiz e Vigo.

La Perra Blanco na sala Masterclub | PixelinPhoto

Sábado con sir Paul Weller

A pesar da gran programación da xornada anterior, o sábado era o Día D. Todas as miradas estaban postas no concerto do famoso artista británico Paul Weller, que pisaba por segunda vez terras galegas despois de facelo en 2006 no festival Noroeste da Coruña. Mención a parte para a promotora do festival, Sweet Nocturna, que só unha semana antes trouxo a Galicia a Robert Plant, exvocalista de Led Zeppelin e outra das grandes lendas do rock británico. O seu recital en Ourense foi verdadeiramente antolóxico, pero iso deixámolo para outra ocasión.

Paul Weller no Mar de Vigo | PixelinPhoto

Como era de esperar nun músico da súa traxectoria, líder de The Jam e artífice dunha sólida carreira en solitario, o seu foi un concerto excepcional de principio a fin. O alcumado como Modfather, vestido de celeste quizais para lembrarnos que nese momento o Celta perdía contra o Mallorca (comprobeino en directo grazas á señora de diante, que estaba máis pendente dos resultados no móbil que do concerto), repasou gran parte da súa traxectoria, facendo fincapé nalgúns dos seus últimos traballos: On Sunset (2020) e Fat Pop (2021). Entre as case 30 cancións que tocou tamén rescatou varios temas da súa etapa en The Style Council e rematou coa única concesión ao seu grupo primixenio con ‘Town Called Malice’. Aos seus 65 anos, Weller mostrouse en moi bo estado de forma e cunha voz impoluta, acompañado por unha gran banda cunha idade media bastante inferior á do líder. Puro soul e rock nunha tarde gris ao estilo británico.

REVISTA NOVEMBRO
O auditorio Mar de Vigo abarrotado para ver a Paul Weller | PixelinPhoto

Resaca a ritmo de cumbia

Había dúas opcións para soportar a resaca de Paul Weller: o pop electrónico intimista/raveiro de _juno, o dúo formado por Zahara e Martí Perarnau, e a cumbia garage de Los Mejillones Tigre. Optamos pola segunda opción e non podemos estar máis contentos da nosa decisión. O quinteto xienense (faltáballes un membro, como a Anakin Skywalker no Episodio II), con permiso de sir Weller, ofreceu o mellor concerto do festival. Ninguén na sala Kominsky puido escapar do feitizo da súa música, divertida, desprexuizada, apegadiza e moi moi boa. Os que non os coñeciamos ao entrar na sala saímos pola porta sendo fans acérrimos (e co seu último disco baixo o brazo). 

Los Mejillones Tigre na sala K | PixelinPhoto

Este feito, penso, debería ser máis habitual neste tipo de eventos. Por suposto que todos queremos ver en directo os grupos que nos gustan e cantar as cancións que xa coñecemos, pero a música tamén é isto: escoitar un pouco de todo, fuxir do coñecido, descubrir artistas, ir a cegas ás salas… En definitiva, saír da zona de confort na que estamos instalados todos os días coas nosas listas de reproducción de Spotify. Por isto, e polo apoio que brinda ás salas viguesas, podemos afirmar que o Underfest, a día de hoxe (e tamén grazas ao Concello por liquidar o ImaxinaSons), é o mellor festival de música da cidade.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.