COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Lluís Lleó mestura pintura, escultura e arquitectura na súa exposición no MARCO

Pittore é o nome da exposición do catalán Lluís Lleó, inaugurada o pasado venres 21 no MARCO. A mostra é unha panorámica da produción recente do artista barcelonés, e trátase da primeira nun museo español tras o seu regreso de Nova York, onde residiu durante varias décadas. Pode visitarse na planta baixa do museo vigués ata o 24 de setembro.

Lluís Lleó no centro da súa obra The Perfect Year | P. Vázquez

Unha gran obra circular recíbenos nada máis entrar ao museo MARCO. Trátase de The Perfect Year , unha sorte de dietario íntimo do artista formado por 365 bloques nos que o autor foi anotando paisaxes, datas, presenzas e, sobre todo, ausencias. Un círculo espazo-temporal que realizou en 2008 tras a morte do seu pai, o tamén pintor Joan Lleó. Esta e outras moitas obras que fluctúan entre a pintura, a escultura e a arquitectura forman Pittore, a exposición que recolle os últimos traballos do barcelonés Lluís Lleó.

The Perfect Year no Marco | P. Vázquez

A partir deste centro, o universo de Lleó esténdese polas galerías e patios do MARCO a través de pinturas sobre liño ou papel e esculturas en madeira e pedra cubertas por fresco, óleo, acrílico, acuarela, tinta ou grafito, pezas que dialogan entre si e transforman a experiencia do espazo nunha montaxe que é unha intervención. Todo un despregamento de técnicas que exhiben a mestría dun pintor afecto ao oficio e que teñen o seu principio no debuxo, a idea anotada no caderno, que logo toma corpo nos máis variados soportes.

A obra de Lleó reflexionou con frecuencia sobre o traballo e os conceptos teóricos e espaciais da arquitectura (caso da súa serie sobre Álvaro Siza), a partir de cuestións como a escala, as formas, os materiais, a xeometría e a emoción. E une, dun modo natural, o compromiso contemporáneo co estudio e coñecemento das técnicas clásicas. Esta exposición, a primeira nun museo español tras o seu regreso de Nova York, onde residiu durante varias décadas, mostra a obra dos últimos anos –pinturas e debuxos sobre distintos soportes, grandes papeis flotando nos patios, esculturas e estruturas circulares que dialogan coas salas da planta baixa–, xunto a unha selección de traballos anteriores considerados referenciais.

Outra das pezas que máis chama a atención, por concepto e dimensións, é Fe. Unha escultura de madeira de máis de cinco metros de altitude cunha cruz negra pintada sobre papel Nepal ocupa unha das salas da planta baixa do museo vigués.

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos teléfonos 986 113900 e 986 113908.

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.