Primavera do Cine, un festival sobre a bucina
A XII edición do festival Primavera do Cine, que malia o seu nome celébrase desde a pandemia en verán, rematou o pasado domingo 10 coa habitual cerimonia de entrega de premios. Falamos con Alfonso Castaño, director do festival, sobre esta última edición do decano da cidade. (Fotos: P. Cermeño)
En baloncesto, cando unha canasta entra no último segundo, dise que foi sobre a bucina. Algo similar pasou co Primavera do Cine, que anunciou a súa programación o luns 4 de setembro, o día antes de comezar o festival: “Foi un erro e foi responsabilidade miña”, admite Alfonso Castaño, director do certame. “Procuramos certas películas ata o final e tomei a decisión de non anunciar a programación ata que non estivese totalmente pechada”, engade.
Con todo, Castaño móstrase satisfeito coa resposta do público, a calidade das proxeccións e as actividades paralelas: “A valoración é positiva, estamos contentos. A programación funcionou na súa variedade, nun formato máis concentrado”, sinala. A pesar de proxectar menos títulos que outros anos, o director destaca algunhas cifras desta edicións: sete estreas nacionais, dúas estreas internacionais (unha delas do seu admirado André Luiz Silva, icono do cinema independente brasileiro, quen declarou que o Primavera era “un festival especial”) e un 50% dos filmes dirixidos por mulleres.
Castaño é, sen dúbida, unha persoa optimista que prefire ver o vaso medio cheo, xa que as cifras de asistencia non foron moi elevadas, algo que, por outro lado, é bastante habitual neste e outros festivais da cidade. A que cre que se debe? “O público das salas de cinema descendeu de xeito masivo, mesmo antes da pandemia, a causa do cambio de hábitos de consumo. Cada vez é máis difícil que o público vaia as salas a ver cine, isto é unha realidade”, di. Sobre o seu caso particular: “Non creo que teña que ver coa cidade de Vigo, pero si que é certo que o noso é un festival humilde que non ten un impacto mediático como teñen outros, e iso temos que traballalo. Temos un público optimizado pero discreto”.
Segundo el, o principal problema é, como case todo nesta vida, o diñeiro (ou máis ben a falta del): “Non temos o impacto nin os fondos doutros festivais. A publicidade hai que pagala e á promoción hai que dedicarlle horas” que, seguindo a máxima de que o tempo é ouro, vén sendo o mesmo. Os grandes patrocinadores, os medios de comunicación masivos e un maior apoio institucional son os grandes ausentes no cartel do Primavera.
Alfonso, quen xa organizou outras edicións do festival, é o cuarto director da historia do certame tras Ana Laura Pereira, Juan de Castro e Ana Gontad: “Desde a asociación organizadora, Reencanto Producións, pretendemos que a organización sexa rotativa. Ana Gontad, a directora da anterior edición, este ano non puido continuar por motivos laborais”, apunta. Isto nos leva a falar de algo bastante habitual no mundo da cultura: a organización do festival non é o principal traballo dos seus responsables, polo que teñen que sacalo adiante durante o seu tempo libre.
Castaño móstrase ilusionado coa próxima edición, pero sempre sendo “autocrítico e humilde” para corrixir os erros detectados: “A falta de cartos condiciona moito, pero temos que dar un paso adiante e mellorar a promoción, a difusión, a antelación á hora de anunciar a programación, ter máis estreas e ofrecer máis actividades paralelas”, finaliza.
Palmarés
A XII edición do Primavera do Cine pechou o telón o pasado domingo día 10 no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, onde foron entregados o premio do público á mellor curtametraxe galega (Antes de que se poña o sol, de Nani Matos), o premio do público á mellor curtametraxe lusófona (Pedro e Inácio, de Caio Dornelas), premio do público á mellor longametraxe (Meu amigo Lorenzo, de André Luiz Oliveira), premio do xurado á mellor longametraxe (10 de marzo de Roi Cagiao) e Mención Especial ao filme Liña de fuga, dirixido por Marta Blanco. O xurado estaba formado por Franco Tedesco, cineasta, Migual Alejos, presidente do Cineclub Valmiñor Alice Guy e Carmen Díaz, programadora especializada en medios de comunicación.
O festival de cine decano da cidade ofreceu seis días de programación nos que se mesturaron longas e curtas tanto lusófonas como galegas. Entre os cineastas da terra destacan Guillermo de Oliveira, Nani Matos, David Fidalgo Omil, Ariadna Silva, Roi Cagiao, Cris Lores, Fernando Cornide, Fernando Tato, Susana Sampedro, Alba Pino ou Marta Blanco, entre outros.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024