CAMELIAS MASCOTAS

A Morada, aprendendo en comunidade

Hai case ano e medio abríanse as portas da cooperativa A Morada, un espazo de encontro con alma de patio de veciñas onde o coidado, o feminismo e a inclusión social están na cerna do proxecto. Fedra Alcaraz, Ana Martínez e Majo son as responsables dunha iniciativa que, malia ter tan pouco tempo de vida, xa resulta imprescindible para a cultura viguesa.

REVISTA NOVEMBRO

Entre as moitas actividades que se realizan (concertos, feiras, exposicións, podcast, teatro…), a oferta de A Morada conta cunha ampla selección de cursos regulares e outros de carácter puntual. Entre os primeiros, atopamos bailes de serán con André Adrio, danza contemporánea con Amparo Martínez, improvisación teatral con Paula Pier, ioga e aliñamento con María Regueiro, pandeireta con Marta Collazo e obradoiro de arte con Fedra Alcaraz. Dos segundos, coñecemos polo momento o club de escrita poética con Edicións Malafera, o obradoiro de vida sostible coa cooperativa Cuarzo Verde e o curso de fotografía taller de álbum familiar e memoria transxeracional con Mar Caldas.

Para as responsables non é importante a técnica, xa que estes obradoiros están destinados a todo o mundo. O obxectivo destes cursos, ademais de adquirir habilidades novas, é a creación de vencellos, fomentar a creatividade e gozar en comunidade de actividades participativas e abertas. Outro dos puntos diferenciais desta cooperativa é que, durante o transcurso da clase, se encargan de atender e coidar de calquera menor ou persoa dependente que asista ao local acompañando a persoa que vai realizar o curso, facilitando a conciliación familiar. Todas as inscricións para os obradoiros poden facerse directamente desde a páxina web.

Rúa de Enrique Macías, 6 | 613 03 15 69 | amoradacooperativa.com | ola@amoradacooperativa.com | @amoradacooperativa

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.