REVISTA ABRIL

Tribo Foresta, un espazo natural para divertisre en comunidade

O espazo de aprendizaxe na natureza Foresta organiza cada mércores a Tribo Foresta, unha actividade para que crianzas de 4 a 12 anos teñan a oportunidade de xogar, explorar e crear en plena natureza e conectar cunha tribo de compañeiros. No mesmo espazo tamén terá lugar un curso dirixido a pais e formadores sobre Comunicación non violenta.

Foresta é un espazo de aprendizaxe activo na natureza emprazado en Vincios onde cativada de 3 a 6 anos desenvólvense nun entorno natural e aprenden a través do xogo e da súa liberdade para explorar o medio que nos rodea e a si mesmos. Partindo desta filosofía en Foresta organizan cada mércores Tribo Foresta, unha actividade coa que buscan achegar o espírito do centro a nenos de 4 a 12 anos.

A partir dos intereses e ideas dos propios nenos e sempre prestando atención ás sorpresas que ofrece a natureza, a Tribo Foresta ofrece un espazo para que teñan a oportunidade de exercer a súa liberdade, xogando, explorando e convivindo na natureza, aprendendo dela e creando unha tribo colaborativa e de confianza cos seus compañeiros. Na actividade a cativada está supervisada por dúas persoas adultas, que se encargan de acompañalas, escoitalas e achegarlles novas ferramentas.

Algunhas das actividades que se levan a cabo son o recoñecemento de especies, construcción de cabanas no bosque, traballo na horta, descubrimento de refuxios de fauna e estanques e actividades de reciclaxe e reutilización.

Desde o centro afirman que a experiencia que proporciona a Tribo axuda ao crecemento e benestar emocional da cativada que non teñen ocasión de desenvolver noutros contextos: fortalécense rubindo árbores e escalando pedras, aumentan a súa autoestima, desenvolven a orientación e a observación, relaciónanse coa natureza desde a curiosidade e o respecto, descobren novas formas de utilizar os recursos que nos ofrece, desenvolven a empatía ao convivir con nenos doutras idades e aprenden a relacionarse dun modo colaborativo, fortalecendo a súa capacidade para traballar en equipo.

REVISTA ABRIL

A Tribo Foresta está en marcha desde principios de outubro e celébrase cada mércores entre as 16:30 e as 19h ata o mes de xuño. As persoas que desexen anotar aos seus fillos poden facelo no enderezo electrónico espacioforesta@gmail.com .

Outra das actividades que terá lugar no espazo durante este curso é o Obradoio práctico de Comunicación non violenta. Un programa dirixido a nais, pais e formadores que comezará o venres 29 de outubro e ao que é posible inscribirse ata o día 25.

Camiño Salgueiro, 36 (Gondomar)
espacioforesta@gmail.com
http://espacioforesta.com/