Vigo celebra a Francisco Fernández del Riego
Este mércores celébrase o Día das Letras Galegas que este ano homenaxea a Francisco Fernández del Riego. Este home das letras estivo intimamente relacionado con Vigo, onde se instalau na posguerra e onde finalmente finou no ano 2010. Na cidade o homenaxeamos con música, recitais, cine, rutas guiadas e moitas actividades para os pequenos da casa.
Música
O Concerto das Letras é un dos eventos centrais na celebración do Día das Letras Galegas. Este ano o espectáculo terá lugar o martes 16 no Teatro García Barbón. A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, estará acompañada polo Coro de Cámara Rías Baixas e interpretarán un programa musical que viaxa pola xeografía amada polo homenaxeado da man de dous grandes compositores consagrados: Jesús Bal y Gay e Reveriano Soutullo. A eles súmase o músico vigués Brais González Pérez, que compuxo por encarga do Consello da Cultura Galega a obra Sinfonietta.
Pola súa banda a Concellería de Cultura escolleu a praza que leva o nome do homenaxeado, popularmente coñecida como praza Elíptica, para renderlle tributo. O acto, que terá lugar o mércores ás 12:30, será amenizado coa música de Sondeseu.
Este xoves 18, o Conservatorio Superior de Música de Vigo tamén celebra a Del Riego cun concerto de poesía musicada que percorrerá a biografía do homenaxeado.
Recitais
Os escritores Pedro Feijoo, Antonio García Teijeiro, Malores Villanueva, Manuel Bragado, Manuel Esteban, Beatriz de Cea, Pati Blanco, Elba Pedrosa e Andrea López participan no acto organizado este martes 16 no Corte Inglés. Un micro aberto no que os autores compartirán a lectura dos seus libros en galego e no que tamén poderá participar o público asistente.
En Bouzas e Lavadores tamén teñen preparados sendos recitais.
Cine
Por primeira vez na súa historia o Festival de Cans contará cunha intensa programación da mañá ata a noite para celebrar o Día das Letras, a gran festa anual da lingua galega. O mércores 17 de maio haberá cine en galego, coloquios, música tradicional e actividades como Novas Camadas ou o Día dos Veciños. Será unha gran xornada festiva e unha forma distinta de celebrar o Día das Letras
Rutas
Vigo Turístico propón a ruta polo Vigo Galeguista o martes 17 e o domingo 21. Na década dos anos cincuenta Galicia asiste a unha explosión cultural cun lugar como epicentro da acción, Vigo. Unha cidade aberta e cosmopolita, gracias ao seu porto, onde coinciden uns homes e mulleres decididos a recuperar e espallar a lingua e cun alicerce intelectual fundamental chamado Francisco Fernández del Riego. Unha ruta guiada polo bisneto de Xose María Álvarez-Blázquez.
Este sábado día 20 desde A Movida organizamos unha ruta para celebrar as Letras Galegas. O historiador e colaborador deste medio, Xurxo Martínez González guiaranos nun percorrido polo centro de Vigo no que visitaremos as casas viguesas de Francisco Fernández del Riego.
Para a cativada
Na sala Rebullón celebran as nosas letras cun festival para os pequenos da casa. O Miúdo Fest arranca o martes 16 coa actuación de María Fumaça e para o mércores 17 teñen preparada unha intensa xornada con obradoiros de creación de instrumentos, de chapas e os concertos de Pakolas e Uxía Lambona e a banda molona.
Tamén hai actividades para a cativada na Biblioteca Juan Compañel, en Vialia, no Museo Liste e no Corte Inglés.