Guía: todo o que precisas saber para ir á Reconquista
Aínda que xa levamos uns días de celebración, este venres 31 arranca a festa grande coa apertura do mercado ás 19:30 h. A celebración remata o domingo despois da representación que este ano se celebrará na recén inaugurada Porta do Sol. Premendo aquí, podes consultar a programación completa de actividades.
CANDO É?
A celebración arrancou o sábado pasado coa representación da destitución do alcalde e da corporación profrancesa de Vigo e continuou con numerosos actos ao longo de toda a semana. Pero a festa grande comeza este venres 31 coa apertura do mercado ás 19:30 h e rematará o domingo á noite.
QUEN O ORGANIZA?
Como contamos neste artigo, a Reconquista é un evento creado hai máis de 25 anos pola veciñanza do Casco Vello, que ano tras no foi medrando ata convertirse en Festa de Interese Turístico Nacional. A metade do orzamento vén das arcas do Concello, cantidade que complementan con patrocinios privados e cos beneficios do mercado. Os actores tamén son xente do barrio, e a maioría repiten ano tras ano, o que lle dá a toda esta celebración un ambiente do máis familiar. Neste artigo do 2019 falamos co elenco daquela Reconquista.
CAL É O HORARIO DO MERCADO?
O famoso mercado da Reconquista, que ten desde pezas de artesanía ata deliciosos manxares culinarios (bendito chouripán), abre as súas portas o venres 31 ás 19:30 ata as 23:30. O sábado e o domingo fará o propio de 11:30 a 23:30.
CANDO E ONDE VAI SER A REPRESENTACIÓN PRINCIPAL?
O acto central da Reconquista é a súa representación, onde se escenifica o momento da expulsión das tropas francesas a mans da milicia local. Despois das obras, a parte central da función volverá á Porta do Sol, será o domingo ás 18:00 h.
COMO IR VESTIDOS?
Aínda que ninguén che vai prohibir entrar no Casco Vello se non cumpres o código de vestimenta, non está de máis ir caracterizados (que non disfrazados) na medida do posible. Neste artigo vos deixamos uns cantos consellos.
HABERÁ MÚSICA?
Pois claro que haberá! Numerosas agrupacións tradicionais actuarán nos torreiros repartidos por toda a zona vella ao longo dos tres días, aquí podedes consultar o ciclo de concertos que Galicia Fiddle ten preparado na praza de Eduardo Chao. A festa culmina coa actuación de Ardentía o domingo ás 20:30 h no torreiro da Porta do Sol.
E OUTROS ESPECTÁCULOS?
Tamén. Haberá maxia, xogos tradicionais e populares, demostracións de oficios antigos, obradoiros de baile tradicional, monicreques, animación de rúa… Tamén outras representacións ademais da princiopal: desfile de tropas, marcha da milicia, saída das peixeiras e verduleiras, asalto ao carro dos suministros franceses, detención dos franciscanos… A programación completa a podedes consultar aquí.
ONDE ESTARÁN OS TORREIROS?
En todas partes. O central estará na explanada do Náutico, e haberá outros no Berbés, na praza dos Ratos, en Eduardo Chao, na Laxe, na praza da Princesa e na Pedra.
PERO ANTES, UN POUCO DE HISTORIA
O 31 de xaneiro de 1809 os franceses asediaban e facíanse co poder da vila de Vigo. Aínda que a convivencia entre franceses e vigueses era tensa transcorreu sen demasiados incidentes. Entre os locais mantívose unha rede de contactos coas autoridades de fóra para organizar a sublevación, o rexedor vigués Vázquez Varela xogou aquí un papel fundamental. De maneira moi astuta soubo ir minando ao inimigo, racionándolle a comida para que chegado o momento da revolta estiveran baixo mínimos de enerxía. Queres saber máis? Preme aquí. Para coñecer un pouco máis do acontecido en 1809, podemos enrolarnos nas rutas temáticas que organiza Vigo Turístico estes días.
AÍNDA QUE NON TODO FOI COMO SE NOS CONTA
Pedro Feijoo, un dos nosos escritores máis ilustres, hai catro anos deixounos un par de artigos sobre a Reconquista que paga a pena volver a ler. No primerio fala da súa relación de amor-odio con esta festa (aínda que parece que gaña o amor), e no segundo explica unhas cantas inexactitudes do que popularmente coñecemos como Reconquista, do relato construído co paso dos anos.