Galicia Fiddle programa un ciclo de concertos na Reconquista
Galicia Fiddle, a asociación viguesa que promove os instrumentistas de corda de música popular, programa tres días de música ao abeiro da festa da Reconquista. O programa está formado por artistas 100% locais que actuarán venres, sábado e domingo na praza de Eduardo Chao.
Se algo non pode faltar na festa da Reconquista, ademais do famoso ‘chouripan’, é a música. Iso sábeno ben na Asociación Cultural Galicia Fiddle, que como xa fixeron noutras ocasións programan un amplo ciclo de concertos que se desenvolverán do venres 31 ao domingo 2 na praza de Eduardo Chao. Músicos vigueses farán soar violíns, zanfoñas, arpas, violonchelos e outros instrumentos de corda durante os tres días de festa.
A Asociación Cultural Galicia Fiddle é unha organización sen ánimo de lucro que xorde no ano 2010 na comarca de Vigo ao carón da aula de violín da ETRAD (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo), por iniciativa do seu mestre, Alfonso Franco, servindo de acugulador daqueles violinistas interesados na música folk e tradicional. A día de hoxe, a asociación acolle a todo tipo de instrumentistas de corda interesados na música popular.
A principal actividade de Galicia Fiddle é a organización de concertos, cursos e clases maxistrais cos mellores mestres e fiddle (violín folk). O evento polo que son máis recoñecidos é o San Simón Fiddle, que este ano terá lugar entre o 3 e o 9 de xullo na Illa de San Simón. O SSFC é un curso de música especialmente destinado a nenos e nenas entre 7 e 18 anos, onde se combinan actividades musicais con outras de lecer e tempo libre. No mesmo lugar, pero uns días antes (do 30 de xuño ao 3 de xullo) terá lugar o Encordass, unha experiencia única construída desde a convivencia e o intercambio cultural, que este ano ten como protagonista á música Cajuán de New Orleans. Xa é posible inscribirse en ambos cursos a través da web da asociación.
Tres son as premisas desta asociación: os intrumentos de corda, a música folk e as ganas de pasalo ben. Estarán agardando por todos nós na praza de Eduardo Chao para que os acompañemos tocando e bailando!