REVISTA MAIO

Mayeusis programa unha vintena de concertos por todo Vigo

A Fundación Mayeusis, en colaboración co Concello de Vigo, organiza durante o mes de xuño o ciclo Conexións, unha serie de case 20 concertos espallados por 15 ubicacións da cidade. O jazz, o folk e a música clásica soará en espazos pouco habituais e, sobre todo, en horario matutino.

Concerto de jazz en Villa Solita | P. Vázquez

De Alcabre á Guía e do Calvario á Pedra; Vigo vai encher as súas rúas de música este mes de xuño grazas ao ciclo Conexións, un proxecto da Fundación Mayeusis en colaboración co Concello de Vigo, que aporta 70.000 euros. Con Conexións os seus organizadores queren “abrazar Vigo” a través da música e levar o talento de artistas galegos e locais a lugares improbables: “Queremos achegar a música a lugares inéditos, espazos nos que habitualmente non se faría un concerto profesional”, contan desde Mayeusis.

Entre estes espazos, un total de 15, podemos atopar a Capela da Guía, a Praza da Pedra, o Paseo de Bouzas, o Mercado do Calvario, os xardíns do pazo de Castrelos ou Villa Solita. Improbables tamén son a maioría dos horarios escollidos para estas pequenas actuacións de jazz, folk e clásica: de mañá e entre semana. Agás tres actuacións, todas serán en horario matutino, coa finalidade de sorprender aos viandantes que neses momentos paseen polas localizacións escollidas: “Pretendemos que a cidadanía tropece coa música na súa vida cotiá. Queremos humanizar os espazos con música en lugar de cemento”, engade o director da escola Lucas Alonso. As modalidades son cámara, grupo (máis numeroso que o anterior) e conexións, onde tocan todos, con repertorio conxunto ou separado.

Esta segunda edición inclúe algunhas variacións repecto á súa antecesora. Na primeira o groso da programación estaba composta por actuacións da Imagine Jazz Orchestra, unha big band xuvenil dirixida polo recoñecido pedagogo Joan Chamorro. Nesta ocasión tamén actuarán, pero a oferta musical está máis diversificada e amplía as súas fronteiras ao folk e á clásica. A programación desta segunda edición, que xa comezou en maio pero tivo que cancelar algúns concertos por mor da climatoloxía, continuará tamén no mes de setembro, mais aínda se descoñece en que consistirá.