CAMELIAS MASCOTAS

Propostas viguesas para sorprender o Día do Pai

Este domingo, 19 de marzo, celébrase en toda España o Día do Pai. Estas son algunhas ideas de agasallos de comercio local, plans gastronómicos e experiencias cos que sorprender.

Regala algo rico

Non vos contamos nada novo se vos dicimos que é moi doado facer feliz á xente a través da comida. Facer unha reserva no voso restaurante favorito e compartir un xantar ou cea é un acerto seguro. Unha churrascada en O Lar das Artes acompañada do concerto de concerto de La buena vida, grupo de versións de pop, rock e rancheras que actuará o domingo a mediodía. Un arroz con marisco e un bo viño na terraza con vistas á ría de Albatros nunca sae mal. A carta multicultural e ambiente animado de Cañaveral é unha moi boa opción a calquera hora do día, tamén para un brunch; ademais o sábado celebran un obradoiro para que os nenos elaboren un chaveiro personalizado para os seus pais. As cervexas de barril de La Tita Rivera, acompañadas da súa tortilla son un plan máis informal, pero igual de satisfactorio.

Regala algo bonito

O Día do Pai é unha nova oportunidade para deixar de lado os xigantes multinacionais e acudir ao comercio local. Uns xeos en forma de pato de goma para ter o cubata (ou a auga con limón) sempre á temperatura perfecta, de Galería Maraca; calcetíns e cunca con mensaxe, de Le Marche de Rachel; camisas pantalóns, gorras e zapatillas de primeiras marcas, atoparémolas en Woodtown; e a roupa e mochilas máis orixinais téñenas en La Contenedora.

En Vaidhé atopamos o seu producto estrela, as cuncas con mensaxe, que podemos escoller coa impresión Quérote pai e en Nikis Galicia Style podemos agasallar a mesma camiseta para pai e fillo e metelas nunha caixa bonita. Se preferimos un libro, en Librouro xa teñen nos estantes Meteoro y el señor conejo, o recente lanzamento literario de Iván Ferreiro.

Regala teatro

REVISTA NOVEMBRO

Regalar tempo conxunto e experiencias é sempre unha boa idea e ás veces máis sinxela do que pensamos. As salas de teatro Ártika e Ensalle ofrecen unha programación estable durante os meses fríos do ano e a variedade das propostas fai sinxelo acertar.

Este sábado e domingo, a Sala Ártika acolle á compañía Tanxarina, un dos grupos de monicreques con máis fama e traxectoria da escena galega. A peza A cazola da tía Lola é unha opción estupenda para desfrutar en familia.

Ata final de mes, en Teatro Ensalle podemos acudir á XIX edición do Festival Isto Ferve, que reúne propostas de danza e teatro nacionais e internacionais que teñan unha linguaxe innovadora.