Ricardo Moya: “Tiven máis traballos que Homer Simpson”
Moitos coñecerédelo por conducir o exitoso programa de entrevistas El sentido de la birra, pero Ricardo Moya tamén sabe desenvolverse sobre un escenario cun micrófono e unha guitarra. Este venres 10 o músico, presentador e cómico valenciano actúa en La Fábrica de Chocolate para presentar o seu álbum debut, Carne en pijama. Podes mercar aquí as túas entradas.
Case 200.000 seguidores na súa canle de Youtube en catro anos non parecen malas cifras. Ricardo Moya descubriuse como un dos mellores entrevistadores dos últimos anos grazas a El sentido de la birra, rompendo ese pensamento popular de que hoxe en día a xente só consume produtos breves e moi dinámicos. As súas conversas con famosos poden chegar a superar as dúas horas de duración (mesmo as tres horas, no caso de Carlos Areces), un formato cuxo éxito que semella ir en contra dos tempos actuais. O recoñecemento e a variedade dos convidados é de antoloxía: Berto Romero, Albert Pla, Risto Mejide, Ana Milán, Nacho Vigalondo, Jesús Cintora, willy Bárcenas, Juanes, Borja Iglesias, Miguel Noguera, Lila Downs, Gustavo Santaolalla… De todos, Moya destaca a Enrique San Francisco, na que foi a última entrevista do actor antes de falecer en marzo de 2021.
Unha faceta menos coñecida, pero máis lonxeva, do valenciano é a de músico, que lle acompaña desde ben pequeno xa que os seus pais rexentaban un bar de rock. Peiteou os primeiros acordes na guitarra aos 12 anos e xa non se separaría dela, primeiro tocando cos colegas, máis adiante en bares e actualmente dun xeito máis profesional. O éxito de El sentido de la birra permitiulle atoproducirse o seu primeiro libro-disco, Carne en pijama, e crear o seu propio selo, Malencia: “Foi todo un pouco raro, pero en todos estes anos eu fixen de todo, tiven máis traballos que Homer Simpson“, explica con humor. Máis dunha vintena de empregos curtiron a este rapaz de 34 anos que, tras dúas décadas coa guitarra na man, por fin foi quen de lanzar ao mercado a súa propia música.
O seu estilo bebe moito do rock arxentino, tanto dos clásicos (Charly García, Gustavo Ceratti, Fito Paez…) como de sons máis actuais (Él mató a un policía motorizado, Marilina Bertoldi…). O humor, tan habitual nas súas entrevistas, está moi presente nas letras de temas como ‘Aparcamiento’, ‘Cállate ya’ ou ‘Estoy fatal’. En Carne en pijama tamén hai espazo para temas máis escuros (‘Vida horizontal’ ou ‘El último’): “Nisto axudoume moito Albert Pla porque a miña idea era facer dous proxectos diferentes, un cos temas cómicos e o outro cos serios. El fixo que me decatara de que iso non tiña sentido, porque ambas cousas saían de min e podías convivir perfectamente nun mesmo traballo”, apostila.
Para o concerto deste venres 10 en La Fábrica de Chocolate Ricardo Moya ofrece os seus temas nun formato especial a dúo con El Escocés, saxofonista de Gloria Gaynor e multiinstrumentista: “Non é só un concerto, tamén ten a súa parte de stand up, de contar a historia que hai detrás das cancións e sinatura de libros ao rematar”, conclúe.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024