REVISTA MARZO

Ricardo Lezón (McEnroe): “Nunca intentei vivir da música”

Cantaba Dylan aló polo comezo de século que “as cousas están tolas e os tempos son raros”, e agora máis que nunca. Tras aplazar o recital do día 7 de novembro, este 11 de decembro ás 20:30 por fin poderemos gozar do concerto de McEnroe no hall do Auditorio Mar de Vigo. Un recital que pertence á serie Acustiquísimos de Cervezas Alhambra, que nos achega nun formato máis íntimo a artistas de todo o Estado. Falamos con Ricardo Lezón, cantante, guitarrista e compositor principal do grupo vasco, sobre a súa traxectoria coa banda e en solitario, sobre o confinamento ou sobre a España Baleira.

Ricardo Lezón con McEnroe no 17º Ribeira Sacra Festival, no 2019 | P. Vázquez

En que formato actuaredes en Vigo? Ides cambiar todas as guitarras eléctricas por acústicas?

Como o formato é Acustiquísimo non nos deixan levar as eléctricas. Iremos en formato dúo, eu coas guitarras española e acústica e Edu, o batería, con percusións.

De que maneira vos afectou como banda toda esta situación? Tiñades algo preparado cando estalou a pandemia?

Caeron bastantes cousas si. Por exemplo, tiñamos un concerto en Madrid, en La Riviera, que ía ser un repaso a todos os nosos anos de carreira. Fomos pospoñéndoo pero finalmente decidimos cancelalo, porque era unha tontería estiralo máis e aínda seguimos sen saber como ou cando vai rematar isto. Tamén xurdiron outras cousas, como cando despois do confinamento puidemos tocar no teatro Victoria Eugenia de San Sebastián ou no Palacio Euskalduna de Bilbao. Cos seis integrantes estamos a facer poucos shows, pero tamén temos a opción de xirar con menos. Cada un da banda vive nunha cidade diferente, polo que é difícil xuntarse todos e xa temos feito o de xirar en formato dúo ou trío. Mesmo teño feito xiras eu só.

Ao vir en formato dúo, ides tocar só cancións de McEnroe ou caerá algunha do teu disco en solitario?

A idea que temos é a de presentar o disco La Distancia, aínda que sexa así de maneira máis espida, pero os concertos evolucionan e imos vendo o que vai xurdindo. Ao ser nun auditorio, nun espazo íntimo, mesmo podemos interactuar co público. Se lles apetece algunha, témolas preparadas, ademais de que Edu gravou comigo o meu disco en solitario.

E a nivel persoal, como a viviches? Aproveitaches para compoñer ou gravar material novo?

Pois fíxate que se daban todas as condicións para facelo pero non o aproveitei tanto como cría. Pode xerar estrés ver que estás na situación idónea para compoñer e non facelo. Tamén é certo que non deixei de traballar. A nivel composición estou rematando o meu segundo disco xunto con Jaime Limousin, teclista de McEnroe, e asinarémolo como dúo. Dinlle un xiro bastante grande ao son, con máis presenza de electrónica.

A pesar de levar moitos anos na música, comentabas agora que durante o confinamento estiveches a traballar. Imaxino que non é doado vivir só da música, e máis agora.

Agora está dificilísimo con todo isto. Para vivir da música tamén depende do tipo de vida que teñas. Eu estou divorciado e teño dous fillos, polo que teño unha vida que precisa de moito máis do que consigo só coa música. Nunca o plantexei nin o intentei, pero sei que é difícil por outra xente coa que teño falado. Pero tamén hai outros músicos que si o consiguen, polo que é posible. Nós como grupo nunca o plantexamos.

En 2017 sacaches o teu primeiro disco en solitario, Esperanza, porque segundo comentaches “ McEnroe entrara nunha especie de letargo, unha rúa sen saída”. Que cambiou para que en 2019 sacásedes La Distancia?

McEnroe vive nun letargo constante, o que pasa é que as veces esperta (risos). Sempre funcionamos así. É a mellor definición: McEnroe sempre está durmido, nunca se vai, pero funcionamos por impulsos. Eu estaba a vivir en Soria, tiñas as cancións e pareceunos o momento idóneo para facelo.

Non descartas continuar coa túa carreira en solitario paralelamente a McEnroe?

Para nada. Eu non o vexo como unha carreira. A min encántame facer cancións, dáme a vida, pero non son de facer plans. Xeralmente son eu mesmo quen os sabotea. Pero vaia, que non teño ningunha intención de parar.

Tanto en Esperanza como en La Distancia podemos escoitar á túa filla Jimena cantando nalgunhas cancións. Vai seguir os pasos do seu pai na música ou son só colaboracións puntuais?

Pois non, afortunadamente non vai seguir os pasos do seu pai. Está a estudar, encántalle cantar e a música pero faino por hobby. Está coa súa carreira, centrada no que hai que centrarse.

A última vez que vos vin en directo tamén foi sentado, hai un ano no Teatro Principal de Pontevedra. Cres que a vosa música gózase mellor en teatros ou auditorios que en salas ou festivais?

Xusto o outro día estabamos a falar diso. Como público non o sei, pero nós sentímonos a gusto tocando en todos lados. Do concerto de Pontevedra teño un recordo precioso, ademais foi pola mañá e tes unha sensación totalmente diferente. Nós, de feito, preferimos ensaiar polas mañás. Ás veces no teatro fáltalle a enerxía que si que hai na sala, pero gústanme ambos.

Curiosamente, a outra vez que vos vin foi tamén pola mañá, no festival 17º Ribeira Sacra.

Tes que probar pola noite nunha sala entón (risos). Nós tiñamos moita ilusión posta no concerto de La Riviera. Cando se xunta todo, nunha sala estás máis cómodo, porque perde ese rollo solemne e estás máis solto. Pero hai veces que precisas dese recollemento ou alcanzas sitios que noutros lugares non consegues. É curioso, porque xusto o outro día falamos diso e había moita división de opinións. Despois de tomar uns viños os que preferían a sala pasaban ao teatro e viceversa (risos).

Nos últimos anos volveu a xurdir o tema da España Baleira ou Baleirada, tanto en política, cinema como na literatura. Ti que viviches nun pobo case deshabitado de Soria, que conclusións sacaches desa etapa?

Púxose un pouco de moda, non? Para min o encanto da España Baleirada era que estaba baleira. Eu convivín coa xente de alí, fun moi feliz e gustábame moito a soidade e a tranquilidade. Non sei como se está a ver o tema agora ou que se quere facer con ela, pero penso que é un tesouro. Está claro que precisa cousas, por exemplo no pobo onde eu vivía están a recoller firmas para non estar tan incomunicados. Aínda que soe moi a contracorrente, o que me gustaba era iso: poder desfrutar doutras cousas, dunha forma de vivir moi diferente. Non me gustaría que se asemellase á forma de vida da España “chea”.

Entón non descartarías volver, non?

Non só non o descarto senón que me encantaría. Se podo volverei. Tes que ter moitas ganas, é complicado ir a vivir alí e é moi pouco práctico, polo menos onde estiven eu. Hai que atopar un equilibrio, que non se convirta nunha cidade máis. Nalgúns lugares fixéronse algúns proxectos para atraer xente que lles quitou todo o encanto: urbanizacións espantosas, pobos dormitorio… Hai que pensalo ben e facelo con coidado e agarimo.

Banner A Movidiña

Hai dous anos lanzabas unha versión en castelán de “To fall in love with you”, unha canción pouco coñecida de Bob Dylan. Por que esa canción? Como foi o proceso de adaptar a letra ao castelán?

Encántame esa canción. Gústame Dylan pero non son un súper fan. Esa canción en concreto desde que a escoitei a teño aí de cabeceira e tiña a idea de facela algún día. Foi un proceso moi sinxelo: chamáronme dunha radio pequena de Madrid na que estaban a facer unha recopilación de versións de Dylan e graveina na casa co iPad. Fíxena xunto con Txonin, con quen gravei o meu disco en solitario. Comimos, tomamos uns pacharáns e gravámola do tirón. Visto con máis detimento é unha traducción bastante libre pero creo que quedou bastante ben. Seguro que foron os pacharáns (risos). Dáme un pouco de pena que non teña un pouco máis de lustre o son, pero ten o seu encanto así tamén.

Aínda sigo a pensar na pregunta da España Baleira de antes. Non teño unha opinión moi formada máis aló de ter vivido alí, pero dáme moita pena que iso se perda. Á xente coa que convivín, que eran unhas catro persoas (algunhas máis no verán), non lles vin moita preocupación sobre iso, todo o contrario co que acontece cando les a prensa. Víaselles bastante felices.

11dec20:30Acustiquísimos: McEnroeCONCERTOS | Desde 16,00 €20:30(GMT+01:00) Mar de Vigo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.