REVISTA ABRIL

Silvia Superstar: «Ao subir a un escenario tiven tal nivel de adrenalina que xa non quixen baixar»

Silvia García Pintos (Vigo, 1972) máis coñecida como Silvia Superstar, ten unha personalidade que arrasa. Cando quere algo non hai quen a pare e tanto é así que ademais de dedicarse á música ten un restaurante en Madrid, unha marca de moda, unha canle de receitas en Instagram e un novo proxecto nun hotel de Eivisa. O ano pasado a pandemia interrompeu o lanzamento do novo traballo cos Killer Barbies, que presentan o xoves 7 no centro comercial Vialia, acabado de inaugurar.

Foto: Pablo Vázquez

The Killer Barbies fixo as vodas de prata o ano pasado e decidistes volver xuntarvos. Como xurdiu a idea?

Acostumamos reunirnos para tocar no aniversario de La Iguana Club e houbo tan boa química que comentei con Billy King a idea de montar para os Killer Barbies algúns temas que eu compuxera. Ao final, La Iguana é sempre o noso centro de operacións, o sitio onde empezamos, onde ensaiamos e o que ao final nos volveu reunir.

O disco que sacastes xusto antes do confinamento, e que non puidestes presentar en directo, titúlase «Vive Le Punk!». Toda unha declaración de intencións, non?

A verdade é que estabamos todos moi ilusionados porque levabamos 12 anos sen gravar, sen entrar no estudio, para nosoutros era un xute de enerxía, eu tiña moito mono porque aínda que é certo que todos temos os nosos proxectos á marxe de Killer Barbies, era ilusionante rememorar todo aquilo. Despois de gravar en Vigo, en Radar Estudios con Pablo Iglesias, de facer a promoción, de ter gravados dous videoclips, estabamos moi ilusionados: en marzo presentabamos o disco na sala Moby Dick Club, en Madrid. Cinco días antes da presentación declarouse o estado de alarma e todo se paralizou.

Como viviu unha persoa tan activa coma ti o confinamento?

Ao principio, aínda que estaba un pouco desconcertada, tomeino como un descanso para facer as cousas que non podo facer normalmente. Pero chegou un punto de tal o desconcerto que non era quen de facer nada. Eu, que son moi creativa, non era capaz de crear, quería poñerme a deseñar para a miña marca de roupa, compoñer… pero estaba totalmente bloqueada. E deume pola cociña, foi unha vía de escape, mesmo creei unha canle en Instagram (@ketolifesuperstar). Paseino bastante mal, tanto polo bloqueo creativo como porque todos os negocios que teño se viron paralizados: os meus bares pechados, as miñas sesións como disc jockey e os concertos cancelados… A sensación foi asfixiante.

Agora, por fin, o xoves 7 presentades o novo disco en Vigo.

Dáme a risa porque eu xa non creo nada, pero xogar na casa sempre nos gustou moito, aínda que non sempre tivemos moitas oportunidades… tocamos máis fóra que aquí. Pero apetécenos moito, e espero que sexa o comezo dunha xira ou dunha serie de concertos, de algo.

De cativa xa apuntabas maneiras tocando a guitarra na misa do colexio, ademais vés dunha familia moi musical…

Recordo que me regalaron unha guitarra e ao meu irmán, un violín; el sempre foi máis aplicado cá min, eu son máis práctica. A min gústanme as cousas máis inmediatas: cando quero algo, quéroo xa. Fun a clases de guitarra, tivéronme un mes e medio na mesma nota, en mi maior, co mesmo ritmo, así que o deixei. Ao final fun autodidacta, as miñas amigas íanme ensinando e conseguín estar na misa da escola tocando a guitarra; eu non quería rezar. E é certo, veño dunha familia de músicos: miña nai, cantante lírica; meu pai, ademais de ser mestre de danza tradicional galega, tocaba en grupos de gaitas; sempre houbo instrumentos na casa.

Que pasou entre a Silvia que tocaba na misa e a que acabou estando á fronte dos Killer Barbies?

A miña primeira composición foi unha canción para un festival de cancións misioneiras. A profesora creara un grupo no que non me incluíu porque eu era a ovella negra da clase, entón decidín montar un grupo paralelo e presentámonos. Fomos ao festival e quedamos terceiras, é verdade que o grupo da miña clase quedou primeiro, pero para min foi moi afagador pensar que algo que fixera eu chegara a ter ese éxito. Creo que aí me decatei de que podía compoñer as miñas propias cancións.

Antes de crear The Killer Barbies, formaches parte de Aerolíneas Federales, como foi esa etapa?

Lembro que fun a última cantante á que lle fixeron a proba para substituír a Coral Alonso cando marchou. Eu era amiga do grupo, en especial de Rosa Costas, e sabía todas as cancións. A miña voz era moi pop e próxima ao que a banda buscaba e acabei gravando o último disco con eles e foi moi guai, porque a pesar de que eu xa estivera con Los últimos de Filipinas, un grupo de punk que tiña Billy no que eu tocaba o baixo, isto era xogar noutra liga. Era tocar para miles de persoas, cando o pop e o rock español estaban en plena efervescencia. Vivir todo iso aos 18 anos foi flipante.

Como viviches ti os anos da movida dos 80?

Pilloume moi noviña, pero sempre fun moi rebelde e entraba en El Manco e La Zona, que eran os únicos sitios que abrían de tarde, mentindo sobre a miña idade. Aí coñecín a Billy, que era DJ en La Zona e foi onde se iniciou a miña andadura musical. Con el descubrín un mundo novo, algo que non tiña nada que ver co que eu coñecía ata entón. Daquela Billy estaba con Los Cafres e nun concerto na discoteca Nova Olimpia preguntáronnos a Rosa e a min se queriamos facer os coros dunha das cancións. Era a primeira vez que subía a un escenario e tiven tal nivel de adrenalina que xa non quixen baixar. Nese momento descubrín a miña auténtica vocación.

Como creastes The Killer Barbies?

Despois de Aerolíneas eu quería compoñer as cancións propias, de feito xa escribira algunhas. Con eses temas, Billy e mais eu decidimos montar o grupo e gravamos unha maqueta de catro cancións que enviamos a Radio 3; escoitouna Jesús Ordovás e flipou. A partir de aí empezaron a chamarnos as compañías de discos e asinamos con Subterfuge Records. Billy e eu compenetrámonos moi ben, cando queremos algo imos a saco. Despois foi todo moi rápido. O grupo chamou a atención, a nosa imaxe tamén gustou porque era moi brava, puro punk rock.

Despois estivestes circulando por diferentes partes do mundo, como xurdiu iso?

Ao primeiro estivemos tocando moito por aquí. O de Nova York xurdiu porque Joey Ramone, o cantante de The Ramones, nos coñeceu a través da película de terror que fixemos con Jess Franco, Killer Barbys (1996). Joey era moi fan do director e convidounos a tocar a Nova York; foi unha desas cousas que nunca pensas que che poidan pasar. Eu era moi fan dos Ramones, recordo velos nas Travesas no 91 e flipei cando nos convidaron a tocar en Nova York. Despois diso marchamos pola nosa conta por California e estivemos tocando por alí; queríannos levar a México, pero non puidemos quedar, foi unha gran pena. No 2000 estabamos a piques de separarnos cando nos chamou un selo alemán, e aí comezou o periplo alemán. Xiras con Iggy Pop, con Die Toten Hosen… concertos en Austria, en Suiza, a incursión no Xapón… e outra vez en Nova York. Foi a bomba!

Coidas moito a imaxe que proxectas, podemos dicir que forma parte da túa personaxe. Sempre fuches así?

REVISTA ABRIL

Sempre me gustou desmarcarme do resto da xente, sempre tiven moita personalidade. Xa de pequena, aínda que vestise uniforme, facía algo co peiteado, cos calcetíns ou coa maneira de levar a chaqueta para distinguirme do resto, non me gustaba ser igual. Estudei corte e confección e e a partir de aí facía a miña propia roupa, coa lámpada de sal que tiña a miña nai na casa facía bixutería, con reixa de metal ou cristais rotos facía uns pendentes, manchaba a roupa con pintura… Tanto é así, que creei a miña propia marca de roupa: Exotica by Silvia Superstar.

Que Vigo prefires, o dos 80 e os 90 ou o de agora?

Cando es tan nova estás espertando e es coma unha esponxa, absorbes todo. Ver a Teo Cardalda, Alberto Comesaña, Germán Coppini ou Los Cafres era descubrir un mundo e nesas idades todo te eclipsa; igual se o vivise agora non me chamaría tanto a atención… Pero o certo é que había un emerxer de bandas, de fanzines, de estilistas, de xente que se movía e facía cousas. Vigo era un referente e segue a ser tal porque de aquí saen moitos grupos, pero agora mesmo vexo isto moi morto. Tamén hai moita xente que marchou fóra, a situación social e musical cambiou moito en xeral, non só a nivel local, pero a nivel estatal non me gusta moito o que se está facendo agora. Musicalmente non hai nada que me sorprenda, vexo todo bastante mediocre.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.