CAMELIAS MASCOTAS

A Reconquista programa oito días de actividade festiva

Os actos para celebrar a Reconquista arrancan o 25 de marzo coa representación da destitución do Alcalde Cairo. Como novidade, o día 28 celébrase unha gran foliada na praza do Berbés. Os días centrais da festa van do venres 31, que se inaugura o mercado tradicional, ata o domingo día 2, que ten lugar a representación da Reconquista da Vila de Vigo.

Imaxe da representación da Reconquista da Vila de Vigo no 2022. | P. Vázquez

Achégase unha das datas máis sinaladas do calendario vigués: A festa da Reconquista. A escasos vinte días do comezo da festa, a Asociación do Casco Vello deu a coñecer a programación desta edición que, se o tempo non o impide, contan con que sexa das máis multitudinarias.

Os actos arrancan o sábado 25 cun concerto inaugural a cargo da Orquestra Xuvenil KV2211 na Concatedral ao mediodía. Pola tarde, a praza do Berbés acolle a representación da destitución do alcalde Cairo, pro Napoleón, seguida de actuacións musicais. O domingo 26 de marzo, ás 12:00 h recréase a saída do exército napoleónico polas rúas de Vigo, ao tempo podemos gozar do espectáculo de danzas do mundo e baile tradicional no Berbés e da música de bandas de gaitas na praza da Pedra.

O luns 27, a recén estreada Porta do Sol acolle un ensaio xeral da representación da Reconquista. O martes 28 é festivo local e como é habitual o Concello organiza un acto de homenaxe aos Heroes da Reconquista na Praza da Independencia ás 12:00 h do mediodía. No Berbés celébrase un xantar popular, para o que é necesario reservar praza; e a partir das 17:00 h estamos convidados a participar nunha gran foliada popular da Reconquista para a que xa hai unha vintena de grupos confirmados. Tamén hai regueifas na Praza Eduardo Chao, pandeiretas na Praza da Pedra e música tradicional na Porta do Sol.

O mércores 29, o Berbés acolle un obradoiro de Treboada Tradicional a cargo de Oli Xiráldez; mentres na Casa Galega da Cultura desenvólvese unha charla sobre o comandante Chalot da man de Ricardo Troncoso. A xornada remata cun novo ensaio xeral na Porta do Sol ás 20:00 h.

Os cativos celebran a Reconquistiña o xoves 30. Mil catrocentos rapaces e rapazas desfilan polas rúas do Casco Vello rematando no Berbés, onde poden repoñer forzas cun chocolate quente e danzar ao son do grupo Migallas. A xornada remata cun concerto do Orfeón Mariñeiro do Berbés ás 21:00 h na Praza da Princesa.

REVISTA NOVEMBRO

Os actos centrais da festa arrancan o venres 31, ás 19:00 h, coa inauguración do mercado tradicional no Berbés e actuacións de grupos tradicionais polas rúas e prazas do Casco Vello e ademais, “torreiro aberto” na Porta do Sol, Eduardo Chao, Praza dos Ratos, Misericordia, A Pedra, O Berbés e Porta do Sol.

O sábado 1 de abril, diferentes grupos tradicionais van animar coa súa música as rúas e barrios desde as 12:00 h da mañá. A partir das 17:00 h, ten lugar a representación do asalto ao carro de subministros no Berbés; ás 19:00 h, recréase a detención de franciscanos na Porta do Sol. No torreiro infantil, situado no Berbés, os cativos poden desfrutar de xogos, un espectáculo de Barafunda Animación e contacontos; tampouco vai faltar a música ao longo de toda a xornada. Os torreiros do Casco Vello acollen música tradicional e actuacións infantís.

O domingo 2, os actos comezan ás 11:30 h coa saída de peixeiras e verduleiras desde a Praza da Igrexa. Desde ese mesmo punto, tamén sae ás 12:00 h a milicia honrada, que chega ás 17:00 h á Porta do Sol. Pola súa banda, o exército napoleónico sae ás 12:00 h da Praza dos Ratos. A representación da Reconquista da Vila de Vigo comeza ás 18 horas na Porta do Sol onde despediremos a festa con música en directo a partir das 20:30 h.