VIALIA
bannerPicnicSesions

O Ateneo Atlántico retoma a actividade cultural en internet

Desde o pasado 20 de abril o Ateneo de Vigo, despois de suspender a programación presencial por mor do confinamento, vén de retomar a súa actividade paso a paso, facéndoa compatible coa realidade e axeitándoa á modalidade telemática. Estas son algunhas das actividades que o Ateneo Atlántico ten organizadas para as vindeiras semanas.

Destaca o regreso da inicativa ‘CinemAteneo’, que ata o mes de marzo tiña lugar os mércores nos Multicines Norte. A partir de agora poderemos seguir desfrutando dos interesantes coloquios arredor de filmes seleccionados, só que agora a través da pantalla do teléfono ou ordenador. O popular Cineclub emitirá os debates a través das súas redes sociais e en aberto.

REVISTA ABRIL

A gran novidade desta nova etapa serán os Martes do Ateneo, unha serie de conferencias online en que tratarán diversos temas co obxectivo de continuar creando un espazo de reflexión sobre aspectos da sociedade e da cultura e contribuír a espertar o interese, o debate e a curiosidade polo coñecemento.

  • Martes 12 de maio ás 18h: ‘Gloria e dor do libro galego’: unha reflexión sobre a situación do mundo editorial en Galicia. Para este acto contaremos coa participación de Fran Alonso (Xerais), Malores Villanueva (Galaxia) e Moisés Barcia (Rinoceronte).
  • O martes 19 de maio, ás 18h, falaremos da gripe española de 1918 na área de Vigo. Contaremos coa colaboración do presidente do Instituto de estudos vigueses, X. Carlos Abad e do investigador Xosé Luis Mateo, membro tamén do citado Instituto.
  • Martes 26 de maio ás 18h: Continuando co ciclo as Novas masculinidades, charla con Jorge G. Marín, coordinada por Luisa Abad, baixo o título ‘Por que é tan difícil que os homes cambien?’

Outra das iniciativas programadas son os xogos a través das súas contas en redes sociais e blog. O primeiro (xa acabado) consistiu en versionar un poema e nas próximas semanas os seus seguidores poderán aportar microrrelatos e haikus e gañar un vale para gastar nas librarías da cidade.

Tampouco deixarán de conmemorar o Día das Letras Galegas 2020, dadas as especiais características do momento, e co título ‘E logo…, ti de quen vés sendo?’, o Ateneo Atlántico de Vigo inicia unha campaña para escoller os 10 libros da literatura galega que máis gustaron aos lectores e lectoras.