Laxeiro e os seus coetáneos protagonizan a nova exposición do Marco
Con motivo da celebración do Ano Laxeiro, o Museo Marco inaugura unha exposición baixo o título Laxeiro e a arte da súa época. Nela o pintor lalinense comparte os muros con artistas coetáneos da talla de Castelao, Seoane e Maruja Mayo e referentes atemporais como Goya ou Rembrandt. Estará dispoñible no primeiro andar ata o 21 de xullo.
O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, quere culminar o ano Laxeiro, que finaliza en abril de 2023, coa exposición titulada Laxeiro e a arte da súa época, unha mostra de produción propia comisariada polo director do Museo, Miguel Fernández-Cid. Como un xesto á traxectoria vital do artista, as datas de inauguración (23 de febreiro) e clausura (21 de xullo) fixéronse coincidir co día de nacemento e pasamento do pintor.
A exposición formula unha proposta de debate que pon o acento no diálogo da súa pintura coa doutros artistas coetáneos, e que incide na necesidade de estudar a Laxeiro no contexto da arte do seu tempo.
Por vez primeira, unha selección das súas obras máis destacadas exhíbese xunto a pezas doutros artistas que Laxeiro miraba con atención, como Zuloaga, Corredoyra, Souto, Colmeiro, Maside, Asorey, Mallo, Seoane, Torres García. Entre as “devocións”, Gutiérrez Solana, Vázquez Díaz, Palencia, ou os máis tardíos Saura, Canogar ou Barcala. E como referencias especiais, artistas como Rembrandt e Goya, presentes con obra gráfica.
Horarios apertura
Martes a sábados (festivos incluídos) de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00.
Domingos de 11:00 a 14:30
Visitas guiadas
Todos os días ás 18:00 h con posibilidade de fixar outro día e hora para grupos.
Rutas interactivas a través da App Vigo
O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta pola pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou desde o ordenador a través da web do Concello de Vigo.
Obradoiros infantís
Cada sábado, a área de Didáctica do MARCO organiza actividades para público infantil, inspiradas nas obras presentes en salas.
Ata o 28 de maio de 2023
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 email: recepcion.marco@gmail.com
Espectáculo de monicreques: Unha noite no Trasmundo
Concibido como homenaxe á vida e obra de Laxeiro, esta viaxe onírica chea de aventuras está protagonizada por Pepiño e outros personaxes presentes nos cadros do artista.
Producido por Títeres Natuacasa
Para público infantil e familiar
Datas e horarios pendentes de confirmar
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024