REVISTA ABRIL

Laxeiro e os seus coetáneos protagonizan a nova exposición do Marco

Con motivo da celebración do Ano Laxeiro, o Museo Marco inaugura unha exposición baixo o título Laxeiro e a arte da súa época. Nela o pintor lalinense comparte os muros con artistas coetáneos da talla de Castelao, Seoane e Maruja Mayo e referentes atemporais como Goya ou Rembrandt. Estará dispoñible no primeiro andar ata o 21 de xullo.

Fotos: Pablo Vázquez

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, quere culminar o ano Laxeiro, que finaliza en abril de 2023, coa exposición titulada Laxeiro e a arte da súa época, unha mostra de produción propia comisariada polo director do Museo, Miguel Fernández-Cid. Como un xesto á traxectoria vital do artista, as datas de inauguración (23 de febreiro) e clausura (21 de xullo) fixéronse coincidir co día de nacemento e pasamento do pintor.

A exposición formula unha proposta de debate que pon o acento no diálogo da súa pintura coa doutros artistas coetáneos, e que incide na necesidade de estudar a Laxeiro no contexto da arte do seu tempo.

Por vez primeira, unha selección das súas obras máis destacadas exhíbese xunto a pezas doutros artistas que Laxeiro miraba con atención, como Zuloaga, Corredoyra, Souto, Colmeiro, Maside, Asorey, Mallo, Seoane, Torres García. Entre as “devocións”, Gutiérrez Solana, Vázquez Díaz, Palencia, ou os máis tardíos Saura, Canogar ou Barcala. E como referencias especiais, artistas como Rembrandt e Goya, presentes con obra gráfica.

Horarios apertura

Martes a sábados (festivos incluídos) de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00.
Domingos de 11:00 a 14:30

Visitas guiadas

Todos os días ás 18:00 h con posibilidade de fixar outro día e hora para grupos.

Rutas interactivas a través da App Vigo

O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta pola pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou desde o ordenador a través da web do Concello de Vigo.

Obradoiros infantís

Cada sábado, a área de Didáctica do MARCO organiza actividades para público infantil, inspiradas nas obras presentes en salas.

Ata o 28 de maio de 2023

Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)

Previa inscrición: tel. 986 113900 email: recepcion.marco@gmail.com

Espectáculo de monicreques: Unha noite no Trasmundo

Concibido como homenaxe á vida e obra de Laxeiro, esta viaxe onírica chea de aventuras está protagonizada por Pepiño e outros personaxes presentes nos cadros do artista.

REVISTA ABRIL

Producido por Títeres Natuacasa

Para público infantil e familiar

Datas e horarios pendentes de confirmar

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.