Que facer en Vigo a primeira fin de semana do ano
Esta primeira fin de semana do ano vén marcada pola chegada dos Reis Magos, pero a cidade ofrece, como sempre, unha gran variedade de plans para todas as idades e gustos. Podedes ampliar a información de cada evento premendo no título e na axenda de eventos de A Movida encontraredes moitas máis opcións.
Cabalgata de Reis – Xoves 5 pola mañá e pola tarde en Av. Castelao e desde Praza América, respectivamente – De balde
Vigo volve ter este ano dúas cabalgatas dada a boa acollida do ano anterior. Dun lado, a estática, que terá lugar o 5 de xaneiro pola mañá na Avenida de Castelao, entre as 11:00 e as 14:30. E pola tarde, a partir das 17:30, a cabalgata dinámica percorrerá as rúas da cidade desde a Praza de América, pasando pola rúa López Mora, rúa Pi i Margall e o Paseo de Alfonso, finalizando en Falperra e Cachamuíña. A recepción posterior que ofrece o Concello aos Reis Magos será na Porta do Sol.
Os Reis do Swing – Venres 6 ás 20:00 en Simia – De balde
Os Reis Magos non pensan voltar para Oriente sen antes pasar a botarlle uns bailes coa peña de Swing On! Haberá temazos, roscón vegano e amigo invisible.
Gran concerto de aninovo de Johan Strauss – Venres 6 ás 21:00 no Mar de Vigo – Desde 27€
A Strauss Festival Orchestra & Strauss Festival Ballet Ensemble ofrece o tradicional concerto de aninovo no que no faltará o famoso ‘Danubio Azul’.
Concerto despedida Cró! – Venres 6 ás 22:00 no Sinatra Coctel Bar – 10€
Hai unhas semanas unha das bandas máis orixinais e rempodoras de Vigo anunciou que paraba indefinidamente, xunto cunha serie de datas de despedida. Afortunadamente a última hora engadiron un derradeiro concerto en terras olívicas para despedirse de todos os seus fieis.
Luis Zahera – Sábado 7 ás 21:00 e 23:00 no Teatro Afundación – Desde 13€
Luis Zahera, actor querido por todos e gañador dun Goya, presenta o seu espectáculo ‘Chungo’ en dobre sesión no Teatro Afundación. Hora e media de risos cun dos intérpretes máis carismáticos e talentosos da nosa terra.
IV Certame de Rondallas – Domingo 8 ás 17:00 no Pavillón das Travesas – De balde
O IV Certame de Rondallas ‘Cidade de Vigo’ reunirá o 8 de xaneiro de 2023 no Pavillón das Travesas ás catro rondallas que están en activo na cidade: a do CSCR de Beade, a rondalla Pena de Freixo-Valladares, a SCDR Helios de Bembrive e a rondalla do CVC de Valadares. Este tradicional certame é unha actividade amateur enraizada na cidade, moi propia do Nadal e dos Reis e que engarza cunha tradición importante do sur de Galicia.
Uxía Lambona e a banda molona – Domingo 8 ás 17:00 na Praza da Independencia – De balde
Uxía Lambona e a Banda Molona é unha banda musical infantil que nace no ano 2014 e está formada por Pali ao baixo, Ñoc á batería, Diego á gaita e frauta, Serghaño á guitarra, Roscón ao acordeón e Uxía cantando e animando! . Ten o obxectivo de facer cantar e bailar coma toliños a todos os nenos e nenas, achegándolles a música tradicional galega dun xeito atractivo para eles, cambiando estilos musicáis, letras…, e temas propios sempre en galego.
Circo de Nadal – Sábado 7 ás 17:00 e 19:30 e domingo 8 ás 12:00 e 17:00 na carpa da Av. Castelao – Desde 15€
O Circo de Nadal, este ano conta a historia dunha panadería en apuros, e que mellor localización para contar esta historia que a gran Panificadora de Vigo. Unha boa forma de contextualizar unha historia fantástica nun escenario local e achegar ao público á historia recente da nosa cidade. Cun elenco formado por 15 artistas con acróbatas, malabaristas, funambulistas e pallasos de Madrid, Italia, Brasil, Arxentina e Vigo. Unha historia que pretende conxugar a maxia do circo e do Nadal, para facer gozar ao público en xeral.
Exposición Vanguardias – Xoves 5, sábado 7 e domingo 8 de 11:00 a 15:00 e de 16:30 a 21:00 no Mar de Vigo – 10€
Redescubrir as vangardas a través da tecnoloxía de última xeración é a proposta de Vangardas, a exposición inmersiva do produtora Art Apart que desembarca no Auditorio e Palacio de Congresos Mar de Vigo o próximo 15 de decembro. Juan Gris, Robert Delaunay, Kandinsky, Ernst Ludwig Kirchner, August Macke, Kazimir Malevich, Franz Marc, Amedeo Modigliani, Edvard Munch, Egon Schiele, Alexej von Jawlensky son os pintores protagonistas da mostra, que poderá visitarse ata o 26 de febreiro. Vangardas expón unha inmersión total na obra dos artistas máis relevantes deste estilo pictórico xurdido na Europa de principios do século XX, a través das imaxes en movemento, a música e doce pantallas xigantes de 4 metros de alto e ata 24 metros de ancho, o visitante poderá mergullarse na luz, a cor e a técnica dos mestres desta corrente que se opuxo aos ríxidos estándares estéticos da época e que atopou a súa máxima inspiración na expresión dos sentimentos máis profundos de cada artista.