REVISTA ABRIL

Que facer en Vigo esta fin de semana?

Non queda nada para comezar a fin de semana, neste artigo propoñemos dez plans para facer en Vigo do 5 ao 7 de maio. Música, monólogos e festas populares entre outras cousas. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida!

A cantautora local Sanny, que actúa o sábado na Sala Kominsky | A. Balea

Festa dos maiosVenres 5 e sábado 6

Celebración popular que forma parte do chamado ciclo de maio, época de exaltación da natureza ao comezo da primavera, cuxos orixes se remontan ás civilizacións prerromanas. Durante as festividades realízanse representacións, bailes e cantos ao redor dos maios, unhas estruturas tradicionalmente inspiradas en figuras de árbores pero que adoptan na actualidade formas máis variadas, con adornos de flores, follas e froitos. Poderemos celebrar esta festa na Praza da Memoria o venres 5 ás 12:00 coa actuación de Ce Orquestra Pantasma e no Museo Liste o sábado 6 ás 10:00.

Euro Talks – Venres 5 ás 19:30 en Molotov Club (-)

Evento organizado por Xeración formado por 20 presentacións curtas onde coñecer a realidade de xente de todo o continente.

Concerto de Villanueva – Venres 5 ás 21:00 na Casa de Arriba (desde 10€)

Villanueva celebra 10 anos da gravación do seu primeiro disco Viajes de ida cun show que inclúe entrevista máis concerto acústico repasando todo o disco con invitados especiais amigos do músico galego. Ademais presentaranse algunhas cancións do novo disco no que actualmente está a traballar xunto a Juanma Latorre de Vetusta Morla. Ao día seguinte actúa ás 12:30 no Lar das Artes, en Matamá.

Concerto de Zalomon Grass – Venres 5 ás 21:30 na Sala Masterclub (desde 12€)

Co comezo do novo ano, e tras dúas cancións como adianto, Zålomon Grass lanza o seu primeiro disco de longa duración: Space Opera. Alegorías aeronáuticas nun disco cun son e unha estética atemporais que te transportarán polo cosmos, unha viaxe intergaláctica polas emocións humanas máis intensas. Primeira presentación en Vigo do álbum debut deste poderoso trío de rock local.

Drink & Draw con modelo – Sábado 6 ás 12:00 na Galería Maraca (5€)

Xuntanza recurrente para debuxar en compañía, esta vez cunha particularidade: haberá un modelo para debuxar en directo. Para participar, é necesario inscribirse neste correo: ilustranoitevigo@gmail.com

Recital de poesías de Gloria Fuertes por Paula Pier – Sábado 6 ás 12:30 en A Morada (de balde)

Con este recital, Paula Pier quere darlle voz e espazo a esta muller tan impresionantemente poeta, lesbiana, feminista e profunda. Pretende amosar a súa poesía adulta e nos conta, dunha forma breve e cariñosa, unha parte de Gloria que poucas coñecen. Porque Gloria foi a súa inspiración vital neste mundo, ás veces tan aburrido, e ensinoulle a rir e a buscarlle a rima a cada presente.

Cantajuego – Sábado 6 ás 16:30 e 19:00 no Mar de Vigo (desde 16€)

Cantajuego presenta para a súa xira 2023/2024 ¡VIVA MI PLANETA! Me lo contó un pajarito, o seu novo espectáculo. Unha orixinal historia que nos transporta á liberdade da que gozan os paxaros, e que coa súa experiencia e sabedoría axudarannos a realizar grandes aprendizaxes sempre coa música, coreografías e o humor dos infaltables Coco, Pepe e Buby e os nosos amigos os cantajuegos.

Monólogo Canco Rodríguez – Sábado 6 ás 20:30 no Teatro Afundación (desde 18€)

El rock and roll ha muerto é unha viaxe a través da historia do rock and roll e da propia vida do actor, cargado de anécdotas, humor, paixón e lendas da música. Con divertidos vídeos, insólitas fotografías, anécdotas incribles e moita música, Canco levaranos da man non só para falarnos de música, tamén da súa propia vida persoal como actor desde os seus comezos ata os seus últimos éxitos televisivos.

Concerto de Sanny + Candy’s Freckles – Sábado 6 ás 21:30 na Sala Kominsky (5€)

Dobre concerto da cantautora local Sanny e a banda coruñesa Candy’s Freckles. Sanny, o nome artístico tras o que se esconde Sandra Gómez, é unha artista viguesa cun pé nos primeiros anos de Bob Dylan e no Nebraska de Bruce Springsteen, e con outro en artistas indie contemporáneas como Phoebe Bridgers e Sharon Van Etten. Pola outra banda, Candy’s Freckles comezou como un proxecto de Rodrigo Yagüe, cantante e guitarrista de Theta Wavese convertiuse nunha banda con dous EP cheos de paisaxes oníricos, pop folk e psicodelia.

REVISTA ABRIL

Concerto de Brais Morán & Nasafunk + Moon Cresta – Sábado 6 ás 22:00 na Sala Rebullón (desde 12€)

Dúas das bandas de funk rock con mellor directo de Galicia xúntanse para ofrecer unha noite chea de baile, suor e distorsión na Sala Rebullón.

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO