CAMELIAS MASCOTAS

O que non debes perder do Primavera do cine

Curtas, longametraxes, videoclips, obradoiros…queres ir ao Primavera do Cine pero non tes claro a que. Segue esta pequena guía para non perder o mellor da 11 edición do festival.

Imaxe de Proxecto Remolque en 2020 | Foto: Paula Cermeño

Acabou o verán. Sabémolo polas primeiras choivas, pero, sobre todo, porque toca despedirse dos festivais de música ao aire libre e recollerse nas salas de cine ao abeiro dos festivais do sétimo arte, que en Vigo son numerosos e variados. O Primavera do Cine, o Galician Freaky Film Festival e o Festival de cine Inclusivo son proba disto e celébranse na cidade no próximo mes.

Vaiamos por orde: o Primavera do Cine comezou o martes 13 e continúa ata este domingo 18 de setembro. Celébrase en varias sedes: Auditorio do Concello, Instituto Camoes e Museo Marco e a súa sección oficial está formada por filmes galegos e de países lusófonos divididos en 15 sesións de curtas, longas ou videoclips.

A programación inclúe ademais unha sesión especial de curtas, catro obradoiros, unha gala, sesións infantís… Unha cuantiosa oferta na que é doado perderse entre títulos de filmes descoñecidos e abandonarnos á desgana de non contar con algo de consello.

Estas son as cinco actividades do Primavera do cine 2022 que non podes perder:

1.Os obradoiros Paper Cinético e Proxecto Remolque
Sábado ás 17:30h no Instituto Camoes
Domingo ás 17h na Sede da Deputación de Pontevedra
De balde con inscrición en info@primaveradocine.com

Ambos teñen como elemento de partida e de traballo o filme físico e son para todos os públicos. Proxecto Remolque é un dos obradoiros clásicos do Primavera que triunfa ano tras ano, xa que permite aos particiantes crear o seu propio filme experimental coloreando, rasgando, cortando e pegando rolos de celuloide. Paper cinético partetamén do cine como artesanía para construír xoguetes precinematográficos coas nosas propias mans.

2. Centenario María Casares + Orfeo
Sábado ás 19:30h no auditorio Municipal do Concello
4 € online ou na billeteira do auditorio

A actriz galega máis universal está a vivir, por fin, un momento de reivindicación e posta en valor na súa terra, logo de pasar a súa vida e triunfar como actriz en Francia. Interpretou no teatro ás principais heroínas dos dramaturgos máis importantes, e no cinema traballou con cineastas como Marcel Carné ou Jean Cocteau. Deste último o Primavera do Cine proxectará Orfeo porque, en palabras da directora do certame, Ana Gontad, “María Casares lúcese como nunca, interpretando á morte nun filme poético de matices surrealistas”.

REVISTA NOVEMBRO

3. A sesión de curtas infantís
Venres ás 18h no Instituto Camoes
Sábado ás 18h no auditorio Municipal do Concello
3 € online ou na billeteira do auditorio

O momento favoorito dos nenos máis cinéfilos e unha oportunidade imperdible para inculcar nos pequenos o amor polo cinema. A sesión (que é a mesma o venres e o sábado) está composta por catro curtametraxes galegas e internacionais de diferentes estilos, emotivas, comprometidas e moi pedagóxicas. A experiencia de vivir un festival por primeira vez será completa, xa que os pequenos tamén votarán e outorgarán o premio do público á súa curta favorita.

4. Bloque 5 de curtas: eu tamén navegar
Venres ás 18h no auditorio Municipal do Concello
3 € online ou na billeteira do auditorio

De tiver que escoller un bloque de curtas (algo nada necesario) quedamos con “Eu tamén navegar” por xa que está formado por tres curtas de realizadores vigueses que nos teñen demostrado amplamente o seu bo facer: Eloy Domínguez, Xisela Franco e Diana Toucedo. Insistimos, non é necesaio acudir a un só bloque de curtas, pero este daranos unha boa panorámica da calidade e variedade do cine vigués. Como punto extra o filme que se proxecta a continuación no mesmo Auditorio, Un cielo impasible, é tamén dun vigués, David Varela, pon o foco na guerra civil española e participou no pasado festival de cinema de Xixón.



The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.