REVISTA ABRIL

O que non debes perder do Festival de Cine Inclusivo

Este martes botou a andar unha nova edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF), un evento integrador que conta con cinco seccións competitivas. O auditorio do Concello, o cine Salesianos e o Museo Marco son as sedes deste evento totalmente gratuíto. Deixámosvos catro plans que non debedes perder.

Ver os filmes das directoras galegas

Ademais da inclusión, o VIIFF sempre aposta polo talento local, este ano representado por varias directoras galegas de moito nivel. Chelo Loureiro presenta Valentina, unha longa de animación que será proxectada tanto na sección para escolas Coñece! como na sesión oficial de ficción o xoves 20 ás 17:00 no auditorio municipal. Esta sesión será adaptada ás necesidades do TEA. O mesmo día e no mesmo lugar, ás 20:30, Manane Rodríguez presenta Onde máis doe, filme que compite na sección de longas documentais. A película versa sobre o asasinato dun neno de 11 anos a mans do seu pai co único fin de castigar á súa exparella. O mércores 19 ás 17:00 no auditorio municipal terá lugar a sección Short In Doc, onde participan dúas curtas dirixidas por galegas. Diana Toucedo homenaxea ás mariscadoras na curta documental Tatuados nos ollos levan o pouso e a viguesa Lucía Estévez fai o propio co seu pai en O niño dos paxaros.

Ver o filme A cero.5, do director vigués Gonzalo Suárez

Xa vos falamos hai xusto un ano de A cero.5, o documental autobiográfico do director vigués (e director do VIIFF) Gonzalo Suárez. Nesta longa fala do accidente que o deixou en cadeira de rodas, da súa estancia no hospital e dos seus inicios no Amfiv, equipo vigués de baloncesto en cadeira de rodas. A proxección, que estará fóra de concurso, será o venres 21 ás 21:00 no Cine Salesianos. Ao rematar haberá un coloquio co director.

Alborada

REVISTA ABRIL

Alborada conta a historia da asociación co mesmo nome, que naceu en 1982 promovida por un grupo de cidadáns preocupados pola irrupción do consumo de drogas, que afectaba especialmente á xente máis nova. O documental dirixido por Javier Álvarez e Helena Ocampo, dá unha visión intimista do traballo e as problemáticas que se atopan na asociación a través de declaracións exclusivas de traballadores e internos. Na proxección, que será o xoves ás 19h no auditorio do Concello, participarán os directores da película e Jesus Cancelo, director da Asociación Alborada.

Festival de curtas arredor da discapacidade

O sábado ás 18h no auditorio do Concello terá lugar a proxección dun bloque de curtas que reúne unha inmensa cantidade de talento nacional. Poderemos ver curtas de recoñecidos directores como Paco León, Javier Fesser ou El Langui que retratan o día a día das persoas con discapacidade desde o humor, a loita ou a empatía. Todas as curtas deste bloque están subtituladas para persoas xordas.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.