CAMELIAS MASCOTAS

Balaídos, o outro templo musical de Vigo

Aínda que moito menos frecuentado que o seu veciño Castrelos, o estadio municipal de Balaídos leva ás costas un breve pero poderoso historial de macroconcertos. A banda británica Muse será a última en pisar un escenario polo que tamén pasaron artistas da talla de Madonna, Rolling Stones ou Dire Straits.

Collage no que aparecen algúns dos artistas que actuaron en Balaídos | P. Vázquez

O himno do Celta e a Rianxeira xa non serán as únicas cancións que o público de Balaídos entoe este ano. Este xoves 8 de setembro desembarcará no estadio municipal, agora con nome de banco, a banda británica Muse, unha das máis recoñecidas no mundo do rock alternativo. Ademais de guitarras cargadas de distorsión, teclados oitenteiros e ecos da música de Queen, o trío traerá consigo un impoñente espectáculo cheo de luces, pirotecnia e atrezzos fantasiosos. Inmediatamente antes do seu show quecerán o ambiente a banda local The Killer Barbies e o trío británico de electrónica Years&Years.

A historia deste recinto deportivo reconvertido a sala de concertos vén de lonxe. Concretamente do 26 de agosto de 1983, cando Miguel Ríos saltou ao verde de Balaídos coa súa xira El Rock de una noche de verano. Abriron o concerto Leño, o grupo de Rosendo Mercado, e unha novísima Luz Casal. Máis de 20.000 persoas citáronse nun estadio que un ano ante albergaba tres partidos do Mundial de fútbol.

A movida dos oitenta daba as súas últimas boqueadas en 1987 cando Hombres G trouxeron música de novo a Balaidos. Unha banda, por certo, á que puidemos ver en repetidas ocasións na nosa cidade: en 1991 nas Travesas nun concerto televisado; en 2005 en Castrelos, acompañados por El Canto del Loco; en 2015 en Samil, celebrando o 30 aniversario; ou este mesmo ano de novo en Castrelos.

Tres anos despois chegaba ao estadio municipal a súa primeira artista internacional, e vaia artista. A raíña do pop, Madonna, parou en Vigo co seu Blonde Ambition Tour, unha xira considerada por moitos como a iniciadora dunha nova forma de presentar a música en directo debido á súa espectacularidade. O seu último disco, Like a Prayer, foi número 1 en máis de 30 países e a día de hoxe leva vendidas máis de 15 millóns de copias. Na retina dos vigueses quedará para sempre esa fotografía de Víctor de las Heras de Madonna coa camisola celeste. Os teloneiros foron uns Siniestro Total no seu cumio de popularidade.

O único festival celebrado ata o momento no estadio vigués foi o Afroamérica 92, que reuniu os días 17 e 18 de xullo a artistas do nivel de Willy DeVille, Gilberto Gil, BB King, Tracy Chapman, Tito Puente e Celia Cruz. Curiosamente o festival ía celebrarse na praia de Ladeira, en Baiona, pero finalmente foi transladado a Vigo por problemas loxísticos. Tamén resulta rechamante que o motivo desta celebración fose o 500 aniversario do descubrimento de América polos europeos. E falando da conquista de América, ese mesmo ano, un par de semanas despois, foi o cantante español máis internacional, Julio Iglesias, quen reuniu a 12.000 persoas no fogar celtiña. Artista ambiguo e polémico, este ano publicouse un ensaio sobre a súa figura baixo o nome de Hey! Julio Iglesias y la conquista de América, obra de Hans Laguna.

REVISTA NOVEMBRO

Cun prezo de 3000 pesetas (menos de 20€), Dire Straits provocou ese mesmo verán un cheo histórico en Balaídos, con máis de 40.000 espectadores. Lembremos que o aforo actual para o concerto de Muse é de 15.000, á espera dunha posible ampliación a 18.000. A banda encabezada por Mark Knopfler chegaba na recta final da súa traxectoria, un ano despois de publicar On Every Street, un álbum sen demasiado éxito comercial no que o guitarrista experimentaba con outros estilos como o blues e o country.

En xullo de1998 o Real Club Celta celebrou o seu 75 aniversario cos concertos de A Roda, Milladoiro, Astarot e o prato forte da noite, o guitarrista mexicano Carlos Santana. Un par de semanas despois chegaría outro dos grandes concertos da historia da cidade, The Rolling Stones. As súas satánicas maxestades chegaron dentro da xira Bridges to Babylon e ofreceron un concerto de case dúas horas e media. As entradas rondaban os 40€ actuais e según se comentou na época, os Stones cobraron case dous millóns e medios de euros (400 millóns de pesetas).

https://www.youtube.com/watch?v=oB4p0GF1-zo&t=1775s

O último concerto no estadio vigués, sen contar o que está por vir, foi o de Alejandro Sanz en 2001, enmarcado nun ambiciosísimo programa das Festas do Cristo da Victoria que trouxo a Vigo a The Beach Boys, Gloria Gaynor e Green Day. Nas seguintes dúas décadas soaron varios grupos para ampliar esta lista, como Maná (que acabaría por actuar en Castrelos en 2018), Los Suaves ou U2. Finalmente será Muse neste ano Xacobeo 2021-22 quen levará o gato á auga nesta décima cita musical na historia do estadio, iso si, non sen as tradicionais polémicas entre Xunta e Concello. Se nada o impide, este xoves 8 volverá a soar a música no outro templo vigués.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.