CAMELIAS MASCOTAS

Onde celebrar o Día das letras galegas en Vigo

Achégase o día das letras galegas, e con tal motivo, moitos dos dinamizaadores sociais e culturais da cidade convocan actividades para difundir a importancia da propia lingua e a figura de Florencio Delgado Gurriarán, escritor e avogado de Valdeorras, membro do Partido Galeguista que viuse obrigado a exiliarse en Mexico durante o franquismo.

Florencio Delgado Gurriarán En Sargadelos no ano 1981 | Imaxe cortesía de Ricardo Gurriarán vía RAG

A banda viguesa de metal Dioivo acaba de sacar unha nova canción titulada ‘Hai Sede na Nova Galicia‘, na que poñen música ao poema homónimo do homenaxeado Florencio Delgado Gurriarán. Este poema describe a saudade que o escritor valdeorrés sentía pola súa terra mentres estaba exiliado en México logo da Guerra Civil, e pertence a unha das súas principais obras, Galicia Infinda, editada por Galaxia en 1963. O lanzamento está acompañado dun videoclip.

Premendo no título de cada actividade (en vermello) pódense consultar todos os detalles da mesma, como o horario, lugar e prezo.

Mercado da arte, unha orixinal proposta que substitúe, por un día, os peixes e froitas dos postos do Mercado do Calvario por arte e artesanía de creadores vigueses de diferentes disciplinas: cerámica, xoiaría, ilustración, fotografía… Na porta do mercado haberá música de Indy Tumbita & The Voodoo Bandits e Paulo Pascual, así como contacontos, DJ e xantar.

Festa das Letras (adiada ao venres 20 por ameaza de chuvia), organizada pola Asociación sociocultural as da industria, con actuación de Silvia Penide e Pompa e Boato, obradoiros infantil, rap e libros da libraría Versus. Toda unha tarde no parque García Picher onde tamén haberá xogos tradicionais e opcións para comer e beber. Adiada ao venres 20 por ameaza de chuvia!

Presentación de Matamá, unha ollada ao pasado, dous volumes escritos por Marcos Alonso Rodrigues (do colectivo Malaherba) e Xulio Fernández Pintos, nos que recollen a historia da parroquia desde a prehistoria ata os nosos días. Ademáis dunha década de investigación, os autores recollen a tradición oral das veciñas, fotografías, topónimos e moitos outros datos a piques de ser esquecidos.

Festa tradicional en Lavadores. A Asociación Veciñal de Lavadores celebra as letras galegas desde o 13 ata o 17 de maio con actividades festivas no Parque de barreiro. Haberá verbena todos os días, pulpeira e outros postos de comida e lambetadas, mercado de artesanía e atraccións para os nenos.

Lectura de textos de Florencio Delgado Gurriarán na Casa da cultura galega.

Percorrido guiado polo legado na cidade de Vigo das familias Chao e Murguía-Castro. O historiador Xurxo Martínez nos achegará a relación entre estas dúas familias a través dun percorrido polo Casco Vello e o centro. As prazas son moi limitadas, polo que é preciso inscribirse chamando ao 010.

O Centro cultural as pedriñas celebra a sexta edición do Miúdo Fest , un evento dirixido a público infantil e con entrada gratuíta no que haberá obradoiros, concertos de Brais das Hortas e Uxía Lambona e a banda molona e contacontos musicado con Antón Ké.

A Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo Kv2211 rende homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán cun concerto titulado A Forza dunha lingua, no que combinan música e textos.

No barrio de Bouzas, a asociación cultural prepara unha bonita homenaxe coa construcción e decoración dun maio e a actuación do grupo musical Corisco.

Obradoiro infantil no MARCO que ten as propias letras como protagonistas. Mediante xogos visuais, compositivos e de cor, crearase unha imaxe en espiral, comezando pola inicial do noso nome e continuando con tantas outras letras.

Concerto de MJ Pérez no CVC de Valladares. Cantautora viguesa que publica o seu último disco autoproducido, A luz prendida.

Xornada de actividades no Museo Liste con recollida de verbas en desuso, xogos infantís e visita guiada.

REVISTA NOVEMBRO

A Asociación de Comerciantes e Empresarios do Calvario organiza a xincana “Vocábulos en galego, atopalos é sinxelo!” na queos nenos deberán percorrer os comercios da zona e responder correctamente a unha pregunta.

Ademais, as actividades da Concellería de Normalización lingüística, que se veñen desenvolvendo durante todo o mes de maio en varias localidades galegas, continúan ata o domingo 22 de maio e poden consultarse neste artigo.

Fóra de Vigo, outras bandas como Escuchando Elefantes veñen de publicar unha versión do ‘Adiós ríos, adiós fontes’ de Rosalía xunto con Amancio Prada. No videoclip participan actores galegos como Touriñan, Marta Larralde, Fran Lareu, Melania Cruz e Ledicia Sola.