CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Vigo énchese de actividades polo Día das Letras Galegas

Achégase o Día das Letras Galegas, que terá lugar este luns 17, polo que a nosa cidade albergará numerosas actividades relacionadas con esta data e coa autora homenaxeada este ano, Xela Arias. Desde presentacións de libros e exposicións a actividades para toda a familia, o galego e as súas letras cobrarán a importancia que merecen.

Imaxe da exposición Tigres coma cabalos, no Museo do Mar | P. Cermeño

Comezando polas actividades para o coco, teremos a presentación do libro Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias, de Montse Pena Presas, na Librería Cartabón este xoves 13 ás 19:30; e a Conmemoración do Día das Letras Galegas no Club Faro este venres 14 ás 20:00 no Marco, que contará coa participación de Marilar Aleixandre, Marga do Val, Manuel Bragado e Darío Gil Arias (fillo de Xela). No apartado musical poderemos acudir ao concerto de Laura LaMontagne & PicoAmperio no Auditorio Mar de Vigo este domingo 16 ou visitar o CVC Valadares, onde o venres Luis ‘O Caruncho’ e Germán musicarán a poetas galegas e o luns actuará Zeltia Irevire.

CAMELIAS NADAL

Outros espazos, como museos, auditorios e bibliotecas, tamén acollerán diferentes eventos: O Museo do Mar, a exposición fotográfica Tigres como cabalos, de Xela Arias e Xulio Gil; o Auditorio do Concello, o luns 17, o espectáculo Vencerse é cousa de se tratar, proposta escénica básease na obra Intempériome, o derradeiro libro de poemas publicado pola escritora en 2003; o evento (que se poderá seguir de maneira virtual) Por Xela: espectáculo multidisciplinar, que contará coa participación de Tamara Andrés, Xulio Gil e A Banda da Loba o xoves 13 na Sede da Deputación; as diferentes exposicións que acolle a Biblioteca Juan Compañél arredor da escritora ou o repaso pola figura e obra de Xela da man de Yolanda Castaño, o venres 14 na Biblioteca Neira Vilas, con Xela Arias . Viaxe a unha mesma.

Para as familias tamén haberá unha ampla oferta de actividades: Xela Arias. Oito pasos… oito versos na Juan Compañel o sábado 15 e o 23 no Verbum; Xogo das letras, no Auditorio do Concello o domingo 16, o contacontos Arredor de Xela, o martes 19 na Xosé Neira Vilas; Verbas no bosque das letras, o día 22 na Juan Compañel ou a contada Un ceo de palabras, o sábado 22 no Verbum; Contos diversos, o sábado 29 no Verbum; e Xela Arias. liberdade, solidariedade e amor pola lingua, o domingo 30 tamén no Verbum.

Consulta a nosa axenda para máis información de cada evento.