Roteiros e actividades familiares polo Día dos Montes
O domingo 22 de maio pola mañá no Parque Forestal do Monte dos Pozos (Valadares) terá lugar o Día dos Montes, unha xornada con andainas adaptadas ás características de todos os públicos, exposicións, música e actividades infantís. As inscricións estarán abertas a partir do 9 de maio no 010 (986810260 dende móbil).
A programación organízase en dúas partes: as actividades dirixidas para poboación adulta e as dirixidas a familias.
Programa xeral
Están previstas tres andainas con distinto grado de dificultade, para coñecer a realidade dos montes de Vigo cinco anos despois dos lumes de 2017. Tomarase como punto de partida o Monte dos Pozos. Nas andainas de 18km e de 11km haberá buses lanzadeira ata o Parque Forestal de Zamáns, desde onde se iniciará a camiñada para rematar no propio Monte dos Pozos. Atravesaranse algunhas das zonas queimadas, agora en proceso de rexeneración, así como algúns dos miradoiros máis chamativos da cidade no Monte Cepudo e no Monte Alba. Na andaina de 7km farase un percorrido circular dende Monte dos Pozos achegándose a tramos do camiño real que atravesaba Valadares, permitindo así coñecer algúns aspectos históricos e medioambientais.
Programa familiar
Neste caso participarán as familias ao completo, adaptando as actividades ás idades dos menores. A Visita familiar ao Petroglifo da Lapela, cun percorrido de 5km, permitirá as familias con fillos maiores de 6 anos achegarse a un lugar máxico preto do Monte dos Pozos, e tamén poder coñecer de preto as consecuencias dos lumes do 2017. Rematará o paseo coa visión panorámica da cidade desde un miradoiro. Para as familias con menores de 6 anos está prevista a Peque-ruta “Monte dos Pozos na primavera”, de 1km de lonxitude. Trátase de aproximarse as sorpresas da primavera no propio Parque Forestal do Monte dos Pozos.
Ao rematar sendas propostas, está prevista unha serie de actividades dirixidas aos máis cativos e cativas, como xogos populares, tiro con arco, rastrexo, etc. No momento central do acto haberá actividades dinamizadas pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, como Danzas do Mundo e a actuación do Grupo de Gaitas de Pardavila. Tamén se poderán contemplar as exposicións tituladas “Sendeiros Locais de Vigo” e “Unha lingua de lume asola en 2017 os montes de Vigo”
Datos de interese
Inscrición: no 010 (986 81 02 60 desde o móbil) desde o 9 de maio ata as 13 horas do venres 20 de maio. A inscrición estará aberta ata cubrir as prazas dispoñibles para cada actividade. No caso de que o día 22 de maio haxa prazas dispoñibles, poderase facer inscrición no Monte dos Pozos ata media hora antes do inicio da actividade.