banneraQUALIA
bannerCulturgal

Roteiros e actividades familiares polo Día dos Montes

O domingo 22 de maio pola mañá no Parque Forestal do Monte dos Pozos (Valadares) terá lugar o Día dos Montes, unha xornada con andainas adaptadas ás características de todos os públicos, exposicións, música e actividades infantís. As inscricións estarán abertas a partir do 9 de maio no 010 (986810260 dende móbil).

Rapaz desfrutando das vistas desde o monte Galleiro | P. Vázquez

A programación organízase en dúas partes: as actividades dirixidas para poboación adulta e as dirixidas a familias.

Programa xeral

Están previstas tres andainas con distinto grado de dificultade, para coñecer a realidade dos montes de Vigo cinco anos despois dos lumes de 2017. Tomarase como punto de partida o Monte dos Pozos. Nas andainas de 18km e de 11km haberá buses lanzadeira ata o Parque Forestal de Zamáns, desde onde se iniciará a camiñada para rematar no propio Monte dos Pozos. Atravesaranse algunhas das zonas queimadas, agora en proceso de rexeneración, así como algúns dos miradoiros máis chamativos da cidade no Monte Cepudo e no Monte Alba. Na andaina de 7km farase un percorrido circular dende Monte dos Pozos achegándose a tramos do camiño real que atravesaba Valadares, permitindo así coñecer algúns aspectos históricos e medioambientais.

Programa familiar

Neste caso participarán as familias ao completo, adaptando as actividades ás idades dos menores. A Visita familiar ao Petroglifo da Lapela, cun percorrido de 5km, permitirá as familias con fillos maiores de 6 anos achegarse a un lugar máxico preto do Monte dos Pozos, e tamén poder coñecer de preto as consecuencias dos lumes do 2017. Rematará o paseo coa visión panorámica da cidade desde un miradoiro. Para as familias con menores de 6 anos está prevista a Peque-ruta “Monte dos Pozos na primavera”, de 1km de lonxitude. Trátase de aproximarse as sorpresas da primavera no propio Parque Forestal do Monte dos Pozos.

Banner A Movidiña

Ao rematar sendas propostas, está prevista unha serie de actividades dirixidas aos máis cativos e cativas, como xogos populares, tiro con arco, rastrexo, etc. No momento central do acto haberá actividades dinamizadas pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, como Danzas do Mundo e a actuación do Grupo de Gaitas de Pardavila. Tamén se poderán contemplar as exposicións tituladas “Sendeiros Locais de Vigo” e “Unha lingua de lume asola en 2017 os montes de Vigo”

Datos de interese

Inscrición: no 010 (986 81 02 60 desde o móbil) desde o 9 de maio ata as 13 horas do venres 20 de maio. A inscrición estará aberta ata cubrir as prazas dispoñibles para cada actividade. No caso de que o día 22 de maio haxa prazas dispoñibles, poderase facer inscrición no Monte dos Pozos ata media hora antes do inicio da actividade.

X