Bar Primavera, ideal para o inverno
Co Bar Primavera iniciamos unha serie de recomendacións para celebrar as comidas de Nadal. Neste coñecido mesón da Ronda de Don Bosco sérvense racións de guisos tradicionais, táboas de embutidos e petiscos para compartir. Cada un fai o seu propio menú e así todos contentos. Ademais da súa ampla terraza e encantador salón o Bar Primavera garda un segredo na súa planta baixa.
As paredes deste restaurante con aspecto de taberna e encanto singular están cubertas de pratos de louza que os amigos lle traen de arredor do mundo e a terraza esténdese na Praza de Don Bosco, acabada de reformar e soleada durante toda a tarde. A cociña que Sandra Rodríguez comanda é eminentemente tradicional: «Estudei moitas técnicas, pero as miñas verdadeiras mestras foron miña nai e miña avoa, e gústame cociñar coma elas». Deste xeito, canda a súa parella, Lino Bouzó, manteñen o bo nome e a esencia dun bar que leva aberto máis de catro décadas e do que eles colleron a remuda no ano 2015.
Na carta atopamos oito variedades de croquetas caseiras, táboas de queixos e embutidos, mexillóns tigre, bombas de carne, segredo ibérico, ancas de ra, ovos con patacas ou boliños preñados; pero a verdadeira maxia dáse preguntando polas opcións de fóra da carta, entre as que brillan o xarrete ou as carrilleiras estufadas, levándote aos mellores recordos das xuntanzas familiares. Ademais podemos desfrutar de cocido os venres e callos os sábados para capear estes meses de frío.
Plan para o Nadal
Sandra e Lino non preparan menús especiais para as festas, senón que manteñen a oferta de cociña caseira e saborosa que teñen. O máis recomendable é chamar para reservar mesa e coñecer as opcións do día. Para grupos de máis de vinte persoas, unha opción moi atractiva é alugar o salón da planta inferior, un choco que conta con cociña e baño independentes onde se permite levar comida de fóra para preparar alí e prolongar a sobremesa ata que se faga de noite.
Enderezo: Rúa da Ronda de Don Bosco, 17
Teléfono: 886 13 51 50
Apertura: de martes a domingo
Pódese ver a carta premendo aquí, consultar o menú do día no seu perfil de Instagram (@barprimavera) e novidades no Facebook.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024