#EdusoDay2021: unha xornada para crear Educación Social
Coñecida nas redes como Creando Educación Social, Lucía Fernández é unhas das maiores e mellores divulgadoras da súa profesión a nivel estatal. Ademais de compartir e visibilizar a educación social a través de Instagram, Fernández ofrece formación, obradoiros e deseña programas para entidades. Unha desas actividades será o obradoiro online #EdusoDay2021 que se celebrará durante a xornada do 25 de setembro.
Cando Lucía Fernández estudaba Educación Social decatouse de que moi pouca xente coñecía a súa futura profesión. Botaba en falta referentes e estaba cansa de ter que explicar en que consiste o seu oficio, as veces difuminado entre outras disciplinas como a sicoloxía, a pedagoxía e o traballo social, pero con funcións claras para quen a exerce. A educación social é un proceso socioeducativo que acompaña ás persoas para mellorar a súa realidade. Un proceso no que as educadoras poñen ás persoas no centro, sen esquecer o valor colectivo das nosas accións.
Na liña de traballar en prol do coñecemento e recoñecemento da labor das educadoras sociais, Fernández organiza o #EdusoDay2021. “O hashtag non é meu” recoñece, pero súa é idea de extender unha celebración dun só día a todo un mes de actividades. O Día Internacional da Educación Social celébrase desde 2004 o 2 de outubro, pero Lucía emprendeu xa o 3 de setembro un periplo por seis cidades galegas que culminará cun evento online o día 25. O seu obxectivo é tecer redes coas súas compañeiras de oficio e ofrecer obradoiros de autocoñecemento e autocoidado profesional. “Dedicámonos a solucionar os problemas doutros sen ter tempo de reflexionar sobre o efecto diso no noso estado de ánimo”, por iso decidiu crear un espazo no que as educadoras sociais traballasen a nivel emocional consigo mesmas.
A iniciativa foi un éxito e, a falta de celebrar os últimos dous obradoiros, en Pontevedra o 17 e en Ourense o 24, Lucía xa colgou o cartel de completo nas nove citas. A décima será a través de internet, o 25 de setembro. Unha última xornada na que contará coa intervención de reputadas compañeiras como Cristina Palacios, que falará sobre integración de persoas LGTBI; e Millán Brea que ocupará a palestra visrtual para falar de educación afectivo-sexual. “O bo e o malo é que estamos en todos os sectores”, comenta a organizadora, en referencia ao carácter multidisciplinar das ponencias.
As persoas que desexen asistir a este evento dixital, deberán inscribirse a través do formulario dispoñible na súa web e conta de Instagram (@creando.educacionsocial).
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Heavy Lungs, Pantomima Full e Samaín esta fin de semana en Vigo - 30 Outubro, 2024
- Centros comerciais e barrios celebran unha fin de semana terroríficamente divertida - 29 Outubro, 2024
- Galicia, punto vegano - 22 Outubro, 2024
- Amaral, Berto Romero e La Ruina participan no festival vigués que rende tributo ao Hematocrítico - 15 Outubro, 2024
- Vigo acollerá o festival internacional de cine Marengo Fest - 14 Outubro, 2024