Glenda León invítanos a escoitar cos ollos no Marco
Este venres inaugurouse unha nova exposición no Museo MARCO, neste caso da cubana Glenda León. Música das formas, o seu título, incide na importancia que a artista plástica lle otorga á musicalidade da natureza e do espazo, creando pezas sinestésicas e de gran contido simbólico. Estará dispoñible ata o 31 de outubro.
Música das formas, o último proxecto da artista cubana Glenda León, trátase dunha co-produción entre o Museo MARCO e o MEIAC de Badajoz, que chega agora a Vigo ata o 31 de outubro. A mostra atópase na Galería B1 do primeiro andar, espazo cunha disposición ben curiosa que León aproveitou para realizar unha peza ex profeso para o museo vigués. Leva por título Xardín emocional, e consiste nunha ringleira de 15 metros de herba sintética recortada da mesma forma que un electrocardiograma.
Hai máis de 20 anos que Glenda León iniciouse no mundo expositivo, tras estudar filoloxía, historia da arte e ballet clásico. Deste último venlle a súa paixón pola música e as coreografías, que se vén plasmadas de maneira contínua na súa obra. O espazo,as estrelas, a natureza e a música son algúns dos leit motivs desta mostra, na que atoparemos obras de diferentes técnicas, tamaños e soportes.
Chaman a atención Metamorfosis, formada por dúas tapas de piano con forma de bolboreta; Escuchando las estrellas II, unha peza formada por cordas de guitarra formando constelacións que se pode tocar; Cada sonido es una forma en el tiempo II, onde reinterpreta diferentes espazos e fenómenos nun pentagrama ou La Internacional IV, o himno obreiro por excelencia representado nun pentagrama con anacos de billetes de diferentes partes do mundo.
En palabras do comisario da mostra, José Jiménez: “hai un dinamismo que brota do diálogo coas formas do son, da música, que está xa presente dende a época en que se produxo a invención cultural da arte, na Grecia Clásica. E é tamén nese contexto onde se percibe a relación entre os sons musicais e os movementos dos astros, o que Pitágoras denominou ‘armonía do cosmo’ ou ‘música das esferas’. A música das esferas lévanos á música deste mundo, no que vivimos: de arriba abaixo, e de abaixo arriba. Son estas cuestións centrais para situar a traxectoria e o traballo artístico de Glenda León”.