COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

A exposición ‘A vida lenta’ invítanos a reflexionar a través do pasado

Este martes inagurouse na sala de exposicións da Sede de Afundación A vida lenta, unha escolma fotográfica, audiovisual e lírica sobre a vida no rural galego no século XX. A mostra está comisariada polo cineasta Aser Álvarez, director da produtora Arraianos, e estará aberta ata o 29 de maio..

A vida lenta conta con valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos desde 1930 ata finais do século XX: a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), o arquivo do fotógrafo lugués Carlos Valcárcel e os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Todos eles, acompáñanse de versos creados por algúns dos poetas gañadores do Premio de Poesía Afundación, como Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, co obxectivo de reflexionar sobre a presenza do rural na cultura contemporánea. A banda sonora da mostra, unha creación de Moisés Quintás realizada con instrumentos tradicionais, recrea o chiar dos carros, o ouvear dos lobos, o xirar das rodas de muíño ou o cravuñar das gadañas.

Con esta iniciativa, Galicia convértese na primeira comunidade de España en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Ao ser imaxes tomadas polos organismos públicos do Franquismo, moitas delas mostran os avances tecnolóxicos e sociais no rural daqueles tempos, como nova maquinaria agraria, charlas instructivas ou proxeccións de cinema, por exemplo.

A mostra complétase con actividades online e convidados de primeira liña, que desenvolven a creación contemporánea e de vangarda desde un forte compromiso co rural e que inspiran un necesario debate sobre a súa situación actual e as súas opcións de futuro. Participarán, entre outras figuras destacadas, Oliver Laxe, que está a traballar nun centro de desenvolvemento rural na aldea lucense onde filmou O que arde; ou a ilustradora e muralista Xoana Almar, da Cooperativa Cestola, quen recrea e dignifica en chave contemporánea, e cun estilo moi propio, o universo rural.

SONRIAS

A exposición estará aberta ao público ata o 29 de maio de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.