REVISTA ABRIL

Percal Lab invítanos a desempoar as nosas cámaras analóxicas

Grazas ao programa de axudas autonómicas enmarcadas no programa Iniciativa Xove, Percal Lab bota a andar da man dun grupo de rapazas viguesas. Consiste nunha serie de obradoiros en torno á imaxe real, por medio da fotografía analóxica, a serigrafía e la cianotipia, e que terán lugar entre o 3 de Setembro e o 9 de Outubro.

As impulsoras de F**k this Studio e Percal Lab nas Galerías Plata | P. Vázquez

Noemi Parga, Andrea Costa, Raquel Álvarez, Marta Chamosa e Alicia Tizón, encargadas tamén desde hai un ano do espazo cultural alternativo F**k this Studio, propoñen para os dous próximos meses unha serie de obradoiros e charlas baixo o nome de Percal Lab: “É un proxecto aparte que nos gustaría que fose anual e poder colaborar con espazos parecidos de Madrid ou Barcelona”, explica Noemi Parga, quen tamén impartirá os obradoiros de experimentación fotográfica e os de revelado.

A oferta divídese en tres bloques distintos pero, á súa vez, unidos temáticamente. O primeiro, entre o 3 e o 11 de setembro, xirará en torno á captación da imaxe, contando con obradoiros fotográficos de bodegón e de retrato, impartidos pola fotógrafa Claudia Silva, un taller de fotografía de rúa a cargo do fotógrafo Jesús Caballero. O seguinte bloque está relacionado cos diferentes tipos de revelados caseiros, e terán lugar os venres 17 e 24 e os sábados 18 e 25. Por últimos, nas dúas primeiras semanas de outubro poderemos experimentar coa reproducción física da imaxe mediante cianotipia (por Iago Fernández) e serigrafía (por Raquel Álvarez e Andrea Costa). Para incentivar a asistencia aos obradoiros, e polo tanto a introducirse no mundo da fotografía, a derradeira semana sortearase un carrete xa descatalogado e moi ansiado por profesionais: o Fujifilm Natura 1600 35mm.

REVISTA ABRIL

Estes serán os primeiros pasos de Percal Lab, que quere aproveitar o tirón que está a ter a fotografía analóxica nos últimos anos, especialmente entre a mocidade, para ensinar todas as súas posibilidades e particularidades. Tamén é certo que non corren tempos fáciles para dedicarse a esta disciplina, pois ademais da precaridade tan habitual nos traballos de carácter artístico, a falta de stock das grandes compañías de película fotográfica está a encarecer de maneira preocupante o material necesario para a sñua práctica.

Non descartan, co tempo, crear unha asociación autoxestionada de disciplinas analóxicas para intentar xuntar a un grupo de profesionais e apaixoados da materia cos que poder organizar máis actividades ao longo do ano. “En Vigo non hai moita oferta deste tipo, e en lugar de sentirte recoñecida moitas veces sínteste un pouco soa ao lanzar este tipo de iniciativas” comenta Noemi, quen bota en falta máis interese por parte da xuventude en aspectos culturais. Todas elas coinciden en que tampouco axuda que o Campus Universitario estea tan lonxe da cidade, ademais de que non conta con grados de carácter creativo como si ocorre en Pontevedra cos de Comunicación Audiovisual e Belas Artes.

Entre a resignación e a esperanza as cinco mozas continuarán ofrecendo novas propostas artísticas á cidadanía, tanto con Percal Lab como con F**k this Studio. Para anotarse e para maior información sobre estes obradoiros, que están a piques de comezar, podedes escribir a percal.lab@gmail.com ou escribirlles unha mensaxe a través da súa conta de Instagram.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.