Os Beethoven Rollers sacan disco cinco anos despois da súa disolución
Se hai un lustro eras un habitual do Feirón de Bouzas, seguramente algunha vez viches a uns rapaces de camisa branca tocando rock n roll. Eran os Beethoven Rollers, unha banda formada por Denis Carballás, Diego Fernández, Julián Valverde e Fiz Novoa que tomaba o seu nome da mítica canción de Chuck Berry ‘Roll Over Beethoven’. Ironicamente, cinco anos despois da súa disolución sacan o seu primeiro, e quen sabe se último, traballo discográfico, formado por sete cancións orixinais. Falamos con Denis Carballás, cantante e guitarrista da banda.
Aló por 2012, Denis e Diego xúntanse para presentarse a un concurso de bandas en Ponteareas; así nacen os Beethoven Rollers. Un ano despois a banda xa ten a súa formación pechada: Julián Valverde ao baixo e Fiz Novoa ás baquetas. Levaron o seu rock n roll clásico, influenciado polos pioneiros dos anos 50, polas salas de Vigo. E non só en espazos pechados; ademais do Feirón, tamén tocaron na Praza da Constitución durante ás Festas de verán, no Rock in Río Tea ou na rúa do Príncipe.
Estas cancións son o único vestixio discográfico da banda, máis aló de gravacións caseiras. A pregunta é obrigatoria: por que desenterralas un lustro despois? Denis responde: “primeiro porque musicalmente a día de hoxe non podemos facer moito máis, e segundo porque falando con Diego chegamos á conclusión de que era unha mágoa telas aí paradas tanto tempo“. Sen pecar de presuntuoso, opina que estes temas compostos polo Denis de 20 anos “soan ben”. Catro dos sete cortes foron gravados nos estudios de Estereoarte, preto da Oliveira; os tres restantes, no malogrado Vigosónico, fogar de tantas bandas noveles que polo momento terán que buscar outros espazos.
Agás Julián, que deixou algo aparcado o baixo para centrarse nos estudos, o resto da banda continuou ligada á música. Diego Fernández tocou ou toca con bandas como Bluesfellas, Maldito Murphy e D’Esmorga; Fiz Novoa tocou con Amaro Ferreiro antes de mudarse a Madrid co seu pai, Pablo Novoa (ex-Golpes Bajos e La Marabunta, actualmente na banda de Late Motiv); por último, Denis Carballás tocou con Nítido e desde hai uns anos forma parte da banda de punk rock The Riggos, compaxinándoa de maneira paralela coa súa carreira en solitario.
Anos despois de separarse, moitas bandas de rock fan xiras ou concertos de reunión. Será este o caso? “Falámolo, pero non sabemos; o guai disto é que ninguén nos espera e nós non esperamos a ninguén. Facémolo por diversión, e se xorde algún concerto pois podemos montar o grupo de novo”. A diversión e o humor, xunto co rock n roll, son os eixos vertebradores de todas as cancións: “temas como ‘O rock da bañeira’ xurdiron coa idea de ser para o Xabarín Club, na liña de ‘Estou na lavadora’. Quixemos fuxir do humor rancio que se fai ás veces en Galicia, pero que as letras teñan sempre algo de chiste”.
Nesta liña humorística atopámonos con ‘Fin de la cita’, canción dedicada ao ex-presidente do goberno Mariano Rajoy: “Eu creo que a día de hoxe mollaríame menos con letras políticas. Xa non me vexo tan reivindicativo como hai non tanto tempo. Se tivese que facela sobre alguén… pois Abascal , que é o tópico, ou Errejón, que faime moita graza”. Como non sabemos se poderemos volver velos en directo, sempre nos quedará este elepé “póstumo” para a posteridade.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024